O Grupo Coren dona 600 kilos de carne conxelada ao Banco de Alimentos de Pontevedra

No acto de entrega, a concelleira Paloma Castro considerou "un insulto para o labor que están a desempeñar os profesionais do Concello e as oenegués que algún personaxe asegure que en Pontevedra se pasa fame" 
O Grupo Coren dona 600 kilos de carne conxelada ao Banco de Alimentos de Pontevedra. CONCELLO
photo_camera Acto de entrega dos alimentos. CONCELLO

O Banco de Alimentos recibiu este xoves nos seus almacéns de Pontevedra unha partida de 600 kilos de carne conxelada por parte do Grupo Coren, na que estiveron presentes o responsable local da institución, José Luis Doval, e a concelleira de Benestar Social, Paloma Castro. A doazón chegou en forma de 1.400 bandexas de polo, pavo e cenoria (incluíndo hamburguesas) que xa alberga a cámara frigorífica da oenegué pontevedresa e algunhas das cales serán distribuidas a través do programa municipal Porta a Porta e a Asociación de Veciños O Mirador de Monte Porreiro.

Doval asegurou que "dado o repunte de demanda que existe nestes momentos pola perda de moitos traballos precarios", esta achega de Coren "vai vir extraordinariamente ben". O Banco de Alimentos calcula que o número de usuarios que lles demandan produtos de primeira necesidade viuse incrementado nun 20% dende o inicio do estado de alerta (atende nestes momentos a unhas 2.000 persoas na cidade).

Acto de entrega dos alimentos. CONCELLO (2)

A concelleira Paloma Castro asegura que o Concello de Pontevedra "está a facer todo o que está nas súas mans para chegar a todo o mundo", implicando a profesionais e voluntarios "que traballan sen descanso", tanto traballadoras sociais e persoal de Benestar Social, así como persoal do Servizo de Deportes adscrito á Concellería, "concretamente para poder desenvolver o programa Porta a Porta e facer chegar os alimentos ás familias que o precisen". Tal e como sinalou a socialista, "isto non é caridade, como se pretende facer ver dende segundo que sectores ideolóxicos, senón que se trata de garantir a cobertura de dereitos esenciais, e para facelo é necesario que haxa profesionais e institucións públicas detrás".

"ESFORZO" PARA "CHEGAR A TODOS". "En Pontevedra –subliñou Castro– podemos estar moi satisfeitos do noso labor e coido que supón un verdadeiro insulto ao traballo que están a desempeñar os profesionais do Concello e as oenegués da cidade que algún personaxe asegure que aquí se pasa fame. Se alguén lles pregunta aos responsables do Banco de Alimentos e o comedor de San Francisco, eles mesmos constatan o esforzo que estamos a realizar para chegar a todo o mundo e para que non lles falte de nada. Os profesionais de Servizos Sociais son os que coñecen a pé de rúa e polo miúdo as circunstancias nas que están as persoas máis vulnerables e nesta cidade non se lle nega un prato de comida a ninguén".

Neste mesmo sentido, José Luis Doval explicou que están a recibir moitas doazóns de conxelados, tanto de produtos cárnicos como de peixe, e aplaudiu a resposta exemplar de Benestar Social a prol dos máis vulnerables, evitando en todo momento "esas escenas de xente facendo cola que vemos noutros lugares e coas que se estigmatiza aos usuarios". "O primeiro é a dignidade das persoas. Aquí non se pode vir a título individual, senón que todo se canaliza a través de institucións e do Concello", apunta o responsable do Banco de Alimentos.

Comentarios