Punto e final ao Festival das Núbebes. O programa de artes escénicas pensado para os máis pequenos da casa rematou onte despois de dúas fins de semana de obradoiros, actividades e representacións cunha das actividades xa habitual no festival, que se celebra tradicionalmente no último día do evento, a guerra de almofadas.
Unha pelexa con final feliz, onde non faltaron golpes de almofadas entre pais e nenos, que serviron para que uns e outros se desafogasen. Tras a guerra, tocou firmar a paz, e os presentes reconciliáronse cun gran abrazo que serviu para coller folgos de cara á vindeira edición do festival. O evento, que estaba previsto celebrar na praza do Teucro, tivo que ser trasladado ao Teatro Principal pola chuvia.
Inicialmente, a guerra de almofadas estaba pensada na praza do Teucro
Pero a pelexa de almofadas non foi a única cita de este domingo, xa que durante toda a xornada houbo actividades. Pola mañá, os nenos de entre tres e seis anos gozaron dun obradoiro de ioga e houbo tamén unha sesión de contos a cargo de Raquel Queizás. Xa pola tarde, Cé Orquestra Pantasma ofreceu un espectáculo musical e a Banda Moraima pechou o festival cun concerto no Principal ao que non faltou Roque, a mascota do festival.