domingo. 29.03.2020 |
El tiempo
domingo. 29.03.2020
El tiempo

Unha guía para todos: "Non acabaremos co machismo sen a metade da poboación"

Ilustración: VIKI BERRE
Ilustración: VIKI BERRE
O Concello lanza un manual con instrucións para traballar a prol da Igualdade como anticipo á celebración do 8-M e repartirá 5.000 exemplares do mesmo entre a venciñanza

Sementar a igualdade en Pontevedra. É o obxectivo da campaña lanzada o martes pola Concellería de Igualdade de cara ao 8-M. A falta de debullar o programa de actividades con motivo do Día Internacional da Muller, o Concello distribuirá desde este mércores unha guía de boas prácticas para desterrar o machismo do día a día chamada En Pontevedra sementamos Igualdade . Clara, directa e para todos e todas. "Este é un libro para toda a cidadanía, non só para mulleres, porque todos formamos a sociedade e non poderemos acabar co machismo sen a metade da poboación", explicaba a autora do libro, Llerena Perozo, que compareceu xunto á edil de Igualdade, Paloma Castro, para presentar a obra.

A guía pódese consultar na web do Concello

O libro divídese en dúas partes. A primeira ofrece consellos para mudar o comportamento e actuar de xeito igualitario, e a segunda céntrase en explicar o funcionamento da violencia de xénero, así como recursos e axudas aos que teñen acceso as mulleres de Pontevedra. Deste xeito, ao longo de 60 páxinas, a súa autora resposta cuestións como Por que dicimos que aínda non acadamos a igualdade real?, Como ser un home e non ser machista? ou Que é a violencia de xénero? e Que podemos facer contra a violencia machista?.

"O obxectivo é concienciar e dar ferramentas para recoñecer o machismo e actuar", explicaba este martes a promotora da guía, a concelleira de Igualdade, Paloma Castro. A socialista sinalou que pretende chegar a toda a cidadanía para "cambiar a ollada sobre o machismo" e incidiu na importancia de iniciativas coma esta para acadar unha sociedade "máis xusta e igualitaria".

Pola súa parte, a autora da obra, que conta tamén con ilustracións de Viki Berre, explicou que "se asumimos que vivimos nunha sociedade machista, temos que saber que esa é unha realidade global, que impregna toda a nosa maneira de ver o mundo". Deste xeito, animou á cidadanía a ir máis alá dos eslogans e revisar o seu comportamento de todos os días. "Recibimos moitas mensaxes contra a violencia machista todos os días, pero fáltanos saber cómo cambiar para mellorar para construír unha sociedade igualitaria", apuntaba Perozo.

Deste xeito, de forma moi gráfica, a obra achega unha serie de tips para cambiar os comportamentos e construír relacións, tanto amorosas como laborais, familiares ou de amizade, máis igualitarias. Neste sentido, Perozo comparou a concienciación coa igualdade co compromiso co medio ambiente, de forma que hai dúas décadas ninguén sabía os beneficios de reciclar ou de aforrar auga.

A parte final do manual conta cun test no que valorar que tipo de relación de parella ten o lector, así como detectar concepcións tóxicas do amor que poidan ser prexudiciais e corrixilas a tempo.

Segundo avanzou a edil de Igualdade este martes, o Concello prepara unha serie de actividades de cara ao 8-M, Día Internacional da Muller, que anunciará ao longo da vindeira semana. Polo de agora, reparte xa entre a veciñanza este manual, que se poderá consultar na web do Concello.

Ser un home e non ser machista
Algúns consellos para os homes recollidos no manual de Perozo, son os seguintes.

Identifica
Cómpre identificar actitudes machistas. Non hai por que angustiarse ao descubrilas. O importante é corrixilas.

Sexo
O sexo é unha cuestión de dous, ten que ser consentido e desexado. Se non é así, non é sexo. Respecta todas as opcións sexuais.

Crianza
Participa da crianza dos fillos e fillas e asume a repartición igualitaria das tarefas.

Reflexiona
Non é ningún agravio ter unha xefa muller ou que a nosa parella gañe máis ca nós.

Entre amigos
Non rías de chistes machistas nin os compartas en redes. Revisa as fórmulas de sedución poñéndote no lugar das mulleres. Non culpabilices ás vítimas de agresións sexuais. Non valores ou minusvalores a unha muller polo seu físico.

Emocións
Permítete ter sentimentos e falar deles.

Prostitución
As prostitutas non son bens de consumo, son mulleres maltratadas. Non contribúas a esta barbarie.

Diálogo
Deixa falar e practica a escoita activa. Non expliques o que acaba de dicir a túa compañeira: xa o dixo ela.

Unha guía para todos: "Non acabaremos co machismo sen a metade da...
Comentarios