Guillermo Meijón, número dous do PSOE ao Congreso por Pontevedra

"Un pacto de Estado pola Educación? Sería o desexable, pero véxoo difícil"

"Tremendamente ilusionado" coa vindeira lexislatura (a cuarta da súa longa traxectoria política), percibe un respaldo "moito máis intenso" que en anteriores comicios, o que lle fai ser moi optimista de cara ó domingo. Nesta entrevista fala de Ence, da AP-9, da A-57, do Nó de Bombeiros e do AVE

Guillermo Meijón, na redacción de Diario de Pontevedra. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Guillermo Meijón, na redacción de Diario de Pontevedra. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Empezou na política en 1999 como concelleiro, "xusto cando naceu meu fillo". En 2005 cambiou o Concello polo Parlamento de Galicia e a finais de 2011 marchou a Madrid. Nestes case oito anos tivo tempo de coñecer case tódolos recobecos do Congreso, pero sempre coa ollada e o sentimento posto en Pontevedra.

Malia súa longa traxectoria, segue coa ilusión do primeiro día ou xa se a acabou facendo á responsabilidade?
A ilusión de cara a esta nova lexislatura é inmensa, fundamentalmente porque vistos os sete meses de Goberno de Pedro Sánchez e, no meu caso persoal, a gran sintonía coa ministra e o secretario de Estado de Educación, faime ver un panorama educativo moi ilusionante. Creo que se van producir unha serie de cambios que por fin van eliminar os recortes de dereitos e en recursos que se deron na época de José Ignacio Wert.

Unha gran parte da comunidade educativa está cansa de tanto cambio normativo, de tanta lei nova segundo o Goberno de turno. Para cando un gran pacto de Estado sobre Educación?
Sería moi desexable, pero non oculto que é tremendamente difícil, sobre todo, vendo o programa dos restos dos grupos. O PP está apostando pola Educación privada e se isto segue así sería moi complexo chegar a un acordo. Pero no ADN dos socialistas levamos o acordo como bandeira; de feito, as leis educativas promovidas polo PSOE sempre foron votadas pola gran maioría dos grupos da Cámara, salvo polo PP.

As enquisas auguran moi bos resultados para o PSOE. Teme que o partido poida caer nunha euforia precipitada?
As enquisas marcan tendencias e que a tendencia sexa positiva nos satisfai, pero o que temos que gañar son as eleccións xerais. Porque o que está en xogo é a España do Estado de benestar que quere a ampla maioría de españois.

"Os pactos serán absolutamente necesarios pero iso non significa que teña que haber un pacto de Goberno"

O que sí semella descartado é que haxa unha maioría absoluta. Os pactos serán inevitables?
Os pactos serán absolutamente necesarios, pero iso non significa que teña que facerse un pacto de gobernabilidade. Durante estes oito meses demostramos que con 84 deputados fomos capaces de acadar grandes acordos sen ter que firmar un pacto de Goberno con ninguén. Por tanto, será a matemática parlamentaria e as condicións da política as que definan un modelo ou outro.

No suposto de que seguise a gobernar o PSOE, cal sería o cargo que lle gustaría desenvolver?
Estou moi feliz onde estou, porque me permite aportar. Ademais, estar no Congreso implica gran capacidade de reflexión á hora de debatir sobre leis, sobre ordes e sobre propostas para que mellore a Educación.

Saltando á esfera puramente local, como ve o futuro de Ence?
Non me gusta que se pretendan adoptar posturas que non pasen polo acordo e polo diálogo. Hai que sentarse na mesa e falar, e despóis tomar as decisións. Seguimos pensando que o traslado de Ence é desexable e posible, porque todo o mundo recoñece que a súa actual ubicación dista moito de ser a máis axeitada...

Nembargantes, a empresa acaba de dicir que o traslado non é unha opción. Que ou segue ou pecha...
Creo que é unha postura de forza con respecto á prórroga. Porque varios compañeiros do PSOE de Pontevedra temos estado con directivos de Ence e daquela dicían que sí era factible debater sobre o traslado; cando foi do bipartito na Xunta, a piques estivo de acadarse... Polo tanto, se antes se podía debater, agora tamén se poderá.

Cal é a súa postura sobre a A-57?
A-57 e tamén A-59, porque son un proxecto conxunto. Implica que Pontevedra poida contar xa cunha circunvalación tan necesaria, que nos conecte de xeito gratuito con Vigo e no Confurco coa saída cara a Madrid. É unha necesidade moi grande e apostaremos porque sexa unha realidade o antes posible.

Qué vai pasar coa AP-9?
O PSOE foi o que fixo posible desbloquear este tema no Congreso, porque co Goberno de Rajoy non se consentíu que fora tratado, pese ao voto unánime do Parlamento de Galicia. Pero houbo convocatoria de eleccións e non se puido tratar. Agardamos que nos primeiros plenos se poida retomar e, se se aproba, pase á Comisión de Transferencias para ver en qué condicións se traslada.

Cando chegará o AVE a Galicia?
O compromiso do ministro Ábalos é rotundo e os prazos van cumprirse. En 2019 van rematar as infraestruturas pendentes e en 2020 xa veremos un AVE en prácticas.

E falta por saber qué vai pasar co Nó de Bombeiros...
Durante sete anos estivo olvidado, pese a estar nos Presupuestos de Ana Pastor e Mariano Rajoy, pero nunca foi unha realidade. Esperemos que desta volta sí o sexa.