jueves. 25.02.2021 |
El tiempo
jueves. 25.02.2021
El tiempo

"Había que aproveitar a potencialidade enorme do Museo e estamos no camiño"

César Mosquera. GONZALO GARCÍA
César Mosquera. GONZALO GARCÍA
O Sexto Edificio do Museo de Pontevedra mudará ese nome polo de Castelao nun "acto de xustiza"

Hai xa algo máis de cinco anos que César Mosquera Lorenzo é vicepresidente da Deputación Provincial, aínda que non foi ata o comezo do segundo mandato (en 2019) cando asumiu a responsabilidade política do Museo de Pontevedra. Neste tempo foron moitas as medidas impulsadas sobre o que, sen dúbida, é un dos grandes valores da capital do Lérez e de toda Galicia.

Pese a que 2020 foi especialmente complicado pola covid, tamén foi un ano de fitos importantes para o Museo: constituíuse o Consello Asesor, renovouse a imaxe corporativa, comprouse o orixinal do Álbum Nós de Castelao e botaron a andar proxectos de grande relevancia, como a rehabilitación dos edificios da Praza da Leña e a súa conexión mediante a creación dun soto ou a construción dunha nova sede arqueolóxica en Valdecorvos. Que balance fai de todo isto?

Foi un ano moi contraditorio, pero con respecto ao Museo foi moi frutífero. A pesar de que baixou o número de visitantes por motivos obvios, a idea que tiñamos era aproveitar esa potencialidade enorme do Museo e estamos nese camiño. Hai que agradecer a toda a xestión anterior desde o inicio ata 2019 que deixaran esa potencialidade, pero entendiamos que non se estaba a aproveitar e había que facelo. Crear o Consello Asesor foi un exitazo e só podo agradecerlles o compromiso que teñen. A imaxe corporativa era algo provisorio e había que cambiala, dar un salto cara adiante, e todo o proceso foi un éxito. E aos plans para os novos edificios afectoulles a covid, como lle afectou a todo o demais, pero están avanzadas as ideas, os proxectos e os trámites e agardamos que neste 2021 poidamos empezar coa execución. A compra do Álbum Nós, simbolicamente foi o máis importante. Posiblemente sexa a obra máis importante de Castelao, que foi un dos fundadores do Museo e quería que a súa obra estivese nel. Ademais, non se sabía onde estaba o Álbum ata o ano 2016 e existía o risco real de que puidera pasar a unha colección privada ou a algunha pública fóra de Galicia. Cónstame que houbo ofertas dese tipo. E ao final creo que se chegou a un acordo bo para todos. Non quero pensar o que sería que esa obra se fose do Museo, sería absolutamente traumático.

Con respecto aos edificios da Praza da Leña, un estudo xeotécnico xa sinalou que é viable construír ese gran soto para conectalos. En que punto está a redacción do proxecto e que prazos manexan agora con esta nova situación de pandemia?

Hai que facer unha modificación do Peprica -Plan Especial de Proteción, Reforma Interior e Conservación do Conxunto Histórico de Pontevedra- que imos empezar xa a tramitala e dependemos desas avaliacións ambientais e demais e iso vainos demorar. Habería que falar do 2022 para poder empezar a obra, con cautelas e con condicionantes, porque esa solución que plantexamos é cara, pero non hai outra maneira, pois se se queren usar para o Museo, actualmente eses tres edificios non teñen nin accesibilidade nin autonomía por separado.

Habería que falar de 2022 para empezar a obra dos edificios da Leña, con cautelas; o de Valdecorvos poderíase este ano

E como vai a tamitación para construír o edificio de arqueoloxía en Valdecorvos? Cales son as previsións neste caso?

O proxecto básico está feito e en principio poderíase empezar a executar a mediados de ano ou no terceiro trimestre, porque só queda completar o orzamento, o proxecto de execución e a licencia, que se pode tramitar paralelamente á licitación. Pero aquí tamén temos unha variante, pois imos tentar que a Consellería e o Ministerio de Cultura ou fondos europeos colaboren na financiación, porque será mellor facer algo que resolva para moitos anos e con boa capacidade, que facer algo máis limitado, que sería o caso se ten que financialo todo a Deputación. Facer un edificio de 3.000 metros podería irse a tres millóns de euros, pero con esa capacidade iamos ter problemas rapidamente para poder integrar ben todos os fondos. En cambio, se construímos un de 5.000 ou 6.000 metros, que podería costar da orde de seis millóns, resolveriamos para moito tempo e con máis solvencia. E por iso imos a un proxecto máis ambicioso. Se hai fondos europeos, canto antes se licite mellor. 

Tiveron xa algunha resposta por parte da Xunta ou do Goberno central sobre esa colaboración económica que solicitan?

Ademais da Deputación, a implicación do Concello é máxima e dende alí tamén se lle pediu colaboración á Xunta e ao Estado, pero a resposta de cada unha destas administracións foi que pidamos noutra porta. Agardemos que cambien. Hai que seguir empuxando porque este é o museo nacional de Galicia. Fíxose un esforzo inxente durante moitísimos anos para ter o Museo que temos e sería unha desgraza non dar ese salto. A Xunta ten o Gaiás e o Ministerio ten outras preocupacións, pero seguiremos insistindo.

Coa compra do Álbum Nós chegouse a un acordo bo para todos; que esa obra se fose de aquí sería absolutamente traumático

Esta semana anunciaron que o Sexto Edificio pasa a chamarse Castelao. Era unha débeda co autor de Rianxo?

É un acto de xustiza. A obra de Castelao no Museo, a súa presenza no Museo, estivo limitada. Durante bastante tempo non tivo a trascendencia que debía, xa que a súa obra e a súa relación co Museo é un dos grandes activos que ten esta institución. E este edificio, por indefinición, por falta de acordo no seu momento porque uns querían poñerlle dunha maneira e outros doutra… por todo iso quedou cun nome numérico. Pero todo iso xa pasou, estamos nunha nova época no Museo e é o momento de resolver esa anomalía. Poñerlle un nome asociado ao seu propio contido e á súa propia xénese é de xustiza.

Á marxe do Museo, a dos residuos é outra das áreas que o BNG xestiona na Deputación desde que forma parte do Goberno provincial. O ano 2021 será o da consolidación definitiva do Plan Revitaliza nos concellos pontevedreses?

Sobre isto eu quería facer unha reflexión e é que as leis ambientais parece que están para non cumprilas. Estou profundamente sorprendido de que, habendo unha Lei de residuos 22/2011, que xa deriva dunha directiva europea de 2008 e que está recollida no Plan de Residuos do Estado e no Plan de Xestión de Residuos Urbanos de Galicia, e que establece que o 31 de decembro de 2020 había que reducir ou reciclar o 50% dos residuos municipais, pois chegada esa data practicamente ningún concello cumpre iso e, o que é peor, a maioría non está nin tan sequera no camiño de facelo. E parece que aquí non pasa nada; nin sequera é unha noticia que estea na axenda informativa, pese ao que supón de incumprimento legal, de contaminación, de emisión de gases de efecto invernadoiro... Como a maioría nin cumpre nin o intenta, parece que hai un pacto de silencio e todo iso crea na cidadanía unha sensación de que este tema non é serio. Dito o cal, o Revitaliza si tentou cumprir e está nese camiño. Os concellos que están no Plan son os concellos de Galicia e de parte do Estado que están en vías de cumprir; e hai algún que, se non o fai xa, é pola covid e cando pasen os seus efectos, está en condicións de facelo. Con respecto ao Plan, dámos por rematada a fase de sensibilización didáctica e de que algúns concellos se incorporaran de verdade (agora son oito); e a seguinte fase será a de dar un salto, porque hai que ir máis rápido. En 2023 posiblemente empecen con sancións, así que ao que se queira sumar ao Revitaliza, ímoslle dar todos os medios, o asesoramento e os recursos para ir máis rápido e cumprir os obxectivos. E tamén estamos retomando unha idea coa que empezamos ao principio.

O 31 de decembro de 2020 era a data fixada por lei para que os concellos reducisen ou reciclasen o 50% de residuos; ningún cumpriu

Cal?

Historicamente os residuos eran un valor, porque se alguén tiña residuos de comida botáballos aos porcos, ou o esterco usábao para cultivar… Iso desintegrouse totalmente e o que pretendemos é recuperar esa simbiose. Por exemplo, os cocedeiros de marisco xeran cantidade de cuncha, mexilla e restos orgánicos e teñen problemas para desfacerse deles. Pois misturados co resto das podas da viña ou de despalillar a uva producirían un compost magnífico que sería un abono estupendo para as propias viñas. Para isto hai que conectar sectores. É complexo, pero a idea é esa. Hai un exemplo a pequena escala que é moi significativo: o restaurante Culler de Pau, que composta os seus restos, bota o compost na súa horta e xera un triple atractivo, pois ten produtos naturais con abono natural e utiliza iso como estímulo para os clientes, que poden dar un paseo pola horta e ver o que van comer despois. Hai outros exemplos que estamos intentanto botar adiante, igual que os residuos das granxas, que están sendo un problema grave que se podería resolver relativamente fácil sempre que deamos conectado a eses sectores. É unha variante do método austríaco, onde o gandeiro ou agricultor recolle os residuos orgánicos das vivendas, compóstaos el e ten un abono natural co que pode ofrecer produtos ecolóxicos.

En que situación está actualmente a provincia de Pontevedra con respecto á reciclaxe dos residuos?

En Galicia estamos nunha situación malísima e na provincia de Pontevedra tamén. Andaremos no 10% de residuos reciclados, cando tiñamos que estar no 50% por obriga legal. A media provincial é esa, aínda que os concellos do Revitaliza están bastante máis altos. Por exemplo, o Concello de Pontevedra, nun prazo moi curto pasou de estar moi mal a estar hoxe no 16% ou 18% de residuos reciclados.

Co Revitaliza hai que ir máis rápido; aos concellos que queiran cumprir os obxectivos ímoslle dar os medios para facelo

Falando de concellos, o PP pídelle a Deputación máis fondos para os concellos e axudas directas para os sectores económicos prexudicados pola covid. Que di sobre isto?

O PP pontevedrés, cando está na oposición, ten como uso atacar sempre os puntos fortes dos gobernos. Esta é a Deputación que máis cartos lle manda aos concellos e con criterios obxectivos e equitativos. Cando gobernaban eles non mandaban nin a metade. E a segunda característico do PP é pedir que a Deputación ou os concellos onde eles non gobernan fagan o que tiña que facer a Xunta. A min paréceme unha liña sumamente pobre. A Deputación transfire da orde de 75 millóns aos concellos e dálles a posibilidade de que os usen para o que queiran. A Deputación está facendo un esforzo desmesurado e non hai nin un euro de libre disposición. Antes aquí todas as tardes había cola esperando polo presidente como se fora a Seguridade Social, porque como tiña 20 ou 30 millóns ao ano sobre os que decidía el para onde mandaba, a xente viña pedir.

A Xunta xa ten o Gaiás e o Ministerio outras preocupacións, pero imos insistir en que colaboren nos novos edificios do Museo

"Había que aproveitar a potencialidade enorme do Museo e estamos no...
Comentarios
ç