Hai un antes e un despois de Rosalía

Lecturas de poemas e unha "alborada" serven para lembrar a figura da poeta por parte do Concello de Pontevedra e do Campus Universitario. Poio súmase á elaboración do "caldo de gloria" e Soutomaior anima a difundir os seus versos na rede

Míriam Ferradáns durante o recitado no local social do Gorgullón. CONCELLO DE PONTEVEDRA
photo_camera Míriam Ferradáns durante o recitado no local social do Gorgullón. CONCELLO DE PONTEVEDRA

A poeta Míriam Ferradáns foi a encargada de conducir onte o acto que o Concello de Pontevedra organizou, no local social do Gorgullón, co gallo do Día de Rosalía. Na actividade, organizada en colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), déuselle lectura ao manifesto redactado por Carlos Callón para festexar a efeméride do nacemento da autora. "Este recanto do mundo chamado Galiza non é o mesmo após Rosalía de Castro. Hai un antes e un despois".

No acto do Gorgullón, os cidadáns que o desexaron puideron participar nunha lectura pública de poemas de Rosalía de Castro. A ambientación da actividade correu a conta do colectivo artístico O Fruto e a Serpe.

Á mesma hora, o Campus Universitario tamén celebraba o Día de Rosalía cun recitado na Casa das Campás. Púxolle voz aos versos a escritora e investigadora da Universidade de Santiago de Compostela María do Cebreiro. A Vicerreitoría tamén se sumou á convocatoria, por parte da Fundación Rosalía de Castro e da Asociación de Gaiteiros Galegos, de interpretar unha alborada na honra da homenaxeada. Neste caso foi cousa do dúo Crúas, conformado pola pianista Iria San Marcial e pola cantante e clarinetista Alba Ermida, que musicaron o poema "Ora, meu meniño".

Tamén se sumou á "Alborada para Rosalía", un ano máis, o grupo de música tradicional Os Chichisos, que compartiu na súa canle de Youtube unha versión de "Adiós, ríos; adiós, fontes".

Poio e Soutomaior

A comarca de Pontevedra tamén quixo homenaxear a Rosalía no día do seu nacemento. Destacou entre todos o Concello de Poio, que convocou unha lectura colectiva para cidadáns, asociacións e representantes públicos, así como unha degustación do "caldo de gloria", que se realiza a proposta da Fundación Rosalía e que recrea a receita ofrecida pola autora nun dos seus textos e citada tamén no poema lido na xornada, "Miña casiña, meu lar", no que a autora enxalza a épica da supervivencia diaria e como con poucos elementos materiais o ser humano é capaz de saír adiante.

No caso de Soutomaior, o Concello conta cun deseño realizado pola artista local Paula Pereira e realizou bolsas reciclables que repartiu entre a veciñanza que este mesmo venres 23 se animou a compartir versos de Rosalía nas súas redes sociais cun vídeo do recitado e empregando o cancelo #SoutomaiorRosalíaSempre.

Polémica: a Deputación reduce a celebración a unha mención no Pleno

A celebración do Día de Rosalía en Pontevedra acabou salpicada por unha polémica política. O actual Goberno provincial, do Partido Popular, reduciu a conmemoración da data a unha mención do presidente antes do Pleno do venres 23.

Luis López comezou recitando uns versos de Rosalía de Castro para despois eloxiar a figura da poeta e rematar dicindo que a actual Deputación compartía os desexos de xustiza e igualdade da autora. "Conmemorar o Día de Rosalía de Castro non só é honrar o seu legado. É renovar o noso compromiso para preservar e promover a nosa terra, a nosa cultura e a nosa lingua", dixo tamén.

O Bloque Nacionalista Galego, que preguntou no propio Pleno a través da deputada María Ortega pola ausencia de actos (sen obter resposta), criticou que "desaparecesen" as homenaxes que se viñan realizando nos últimos anos, en colaboración coa fundación que leva o nome da escritora, e que o Goberno do PP "renegase de poñer en valor a figura de Rosalía de Castro".