"Hai un aumento no número de familias que demandan axuda a Cáritas"

Atender as necesidades da xente máis necesitada non é unha labor sinxela nos tempos que corren. Entidades benéficas como Cáritas están redoblando esforzos para alcanzar o seu obxectivo prioritario: "A promoción das persoas para conseguir a súa autonomía persoal", precisa a directora da Interparroquial, Conchi Vázquez
Iglesia de Monte Porreiro Entrevista a Conchi presidenta Caritas Interparroquial (4G5A5155.JPG)
photo_camera Conchi Vázquez Val, directora de Cáritas Interparroquial Pontevedra. R. FARIÑA

Entrou en Cáritas hai 14 anos e dirixe a Interparroquial desde 2019. Coñece a fondo as necesidades das familias e das persoas que piden axuda a esta entidade da Igrexa.

Como está a radiografía da pobreza nestes tempos?

A situación da pobreza non está mellorando como o pon de manifesto que en Cáritas está aumentando o número de familias e persoas individuais ás que atender. É verdade que hai outras persoas que van encontrando traballo e xa non dependen de Cáritas, pero últimamente tanto nas parroquias como na Interparroquial está incrementandose a demanda de atención.

E os recursos?

Os ingresos económicos vanse mantendo coas doazóns de particulares e a cantidade de alimentos que repartimos non é tanta como tiñamos, pero vanse distribuíndo de forma que ninguén queda sen atender. Tamén hai demanda de pago de recibos dos alugueres de vivendas, que son bastante caros, con familias ás que lles costa afrontar o gasto. Imos apoiando esta demanda na medida das nosas posibilidades, en coordinación cos servizos sociais municipais e outras entidades. Dispoñemos dunha vivenda transitoria á que pode acceder unha familia cando non pode afrontar o pago dun fogar, e a deixa cando consigue algún traballo para afrontar un aluguer.

Sería bo que aumentara o parque de vivendas en aluguer social?

Iso sería bo porque non é o mesmo pagar 400, 500 ou 600 euros que ter que pagar 80 ou 100. As administracións competentes en materia de vivenda deberían concienciarse desta necesidade.

E que me di do recibo da luz?

Tamén se disparou. Ás veces a xente presentanos recibos altísimos que non son debidos ao consumo senón ao elevadísimo prezo da electricidade. Agradecemos calquera doazón económica porque sempre se inviste no que realmente se necesita, según as demandas das familias e as persoas ás que atendemos.

Cal é o perfil da xente que pide axuda a Cáritas?

Temos un pouco de todo, con familias novas, outras de mediana idade que ou ben quedaron sen traballo ou que non lles chegan os ingresos para atender as necesidades básicas. Hoxe en día hai que ver que tipo de emprego hai porque non é o mesmo traballar unhas horas ou facer unha chapuza que ter un posto de traballo estable cun soldo digno. Neses casos a axuda que lles damos é un apoio porque o que están gañando non lles chega. Tamén temos o caso das familias migrantes que lles tardan moitísimo en facilitarlles a documentación. Son persoas que teñen moitísimas ganas de traballar e incluso de formarse (algunhas xa están formadas, aínda que en moitos casos a súa formación non é homologable en España) e que vense obrigados a traballar en negro, na economía somerxida.

En que tipo de traballos?

Na axuda a persoas con dependencia e a persoas maiores, pero ás veces non poden ter un contrato polas condicións nas que están. Incluso non poder facer un curso de formación laboral con prácticas en empresas pola situación na que se encontran.

Quere iso dicir que o esforzo que ten que facer Cáritas no día a día é moito maior?

Si, e para iso estamos. Ás veces hai que adicar máis tempo, polo que pedimos axuda ao voluntariado para poder exercer o noso labor da mellor maneira posible. Aparte dos voluntarios, en Cáritas Interparroquial contamos cunha traballadora social que resulta moi importante para o tipo de atencións ás que me referín con anterioridade. Hai casos que se derivan ás administracións e aos servizos sociais. A atención en Cáritas non é soamente entregar alimentos ás familias necesitadas senón que a nosa función vai moitísimo máis alá. O noso obxectivo prioritario é a promoción das persoas e conseguir a súa autonomía persoal. A maioría da xente quere facelo pero noutros casos atopan moitas trabas, con dificultades para pagar certas subministracións básicas. Tamén elles moi difícil solicitar citas para a Administración de forma telemática, ou facer determinados trámites que son casi imposibles de facer a través de Internet. Botamos en falta ese tipo de atención persoal á que todos nos gusta, ter unha cara enfronte de nós, unha cuestión que debería coidarse moito como nos casos das entidades bancarias, con caixeiros que fan que falte o contacto humano e que resulta necesario cando a xente o está pasando realmente mal.

Estase vendo a luz ao final do túnel ou aínda non?

O panorama está difícil, pero para que se vexa a luz ao final do túnel nos temos que implicar todos para tratar de facer un labor de denuncia, que é propia de Cáritas e doutras asociacións e entidades que están traballando cóbado con cóbado con persoas que están en situación de pobreza ou de exclusión. Hai que demandar os dereitos básicos e a xustiza social.

Está sendo valorado o labor que desenvolve Cáritas como se merece?

A maioría da xente sabe o labor que desenvolve Cáritas. Creo que se valora e se ten en conta o traballo que estamos facendo. Todos temos que ser conscientes de que hai persoas que o están pasando mal e que, ahora que parece que pasou a pandemia do covid e que todo está indo mellor, está habendo moitas trabas para moitas persoas. Ás veces parece que se non estamos en contacto con esta realidade non existe o problema.

"Entregamos un certificado de desgravación fiscal na campaña de doazóns do novo albergue"

Como van as obras do novo albergue para persoas sen fogar?

Están moi avanzadas. En breve imos poder facer o traslado do albergue de Monte Porreiro. 

E campaña de micromecenazgo para afrontar ese investimento?

Tamén vai indo ben, aínda que hai que darlle un impulso porque estamos falando de moitos cartos. As doazóns que recibamos nesta campaña de recadación de fondos desgrava en Facenda.

Para iso emitimos un certificado de desgravación fiscal. Como se pode facer para colaborar con ese proxecto?

Mediante ingresos nas contas bancarias, como donativo puntual e indicando como finalidade ‘Campaña nuevo albergue San Javier Pontevedra’ ou a través do formulario da nosa páxina web (Banco Santander: ES75 0049 5557 6221 1601 6125, Abanca: ES85 2080 5401 5930 4016 6835).

Comentarios