"A política municipal é a que dá máis satisfacción polo seu contacto directo coa realidade"

"Hai debates e batallas sociais que levaremos ao Parlamento"

Luís Bará conta cunha dilatada experiencia na política local. Aínda que foi director xeral de Cultura no bipartito da Xunta, nunca se sentou nos escanos da Cámara galega. Será o vindeiro día 21 cando ocupe o seu posto no Parlamento cun obxectivo claro: "construír a alternativa nacionalista que o país necesita» e «axudar a consolidar o proxecto do BNG"
Luís Bará Torres, diputado electo del BNG por Pontevedra al Parlamento Gallego
photo_camera Luís Bará Torres, diputado electo del BNG por Pontevedra al Parlamento Gallego

coñece moi ben a política municipal. Ten experiencia como concelleiro na oposición (desde 1995 ata 1999) e tamén como membro do Goberno local desde ese ano ata 2005, etapa na que se ocupou das áreas de Cultura, Festas e Normalización Lingüística. Desde 2009 ata 2011 foi concelleiro non electo, compaxinando este cargo coa súa profesión como docente no Instituto Torrente Ballester. Nas eleccións municipais de 2011 foi elixido edil, un cargo que revalidou nos comicios de 2015, tralo que se responsabilizou de Patrimonio Histórico, Obras Urbanas e Mobilidade. O vindeiro día 21 iniciará unha nova etapa política na Cámara galega.

Xa coñecía o Parlamento galego ou será unha novidade para vostede?

Despois da miña primeira etapa no Concello, desde 1995 ata 2005, estiven catro anos no Goberno da Xunta (desde 2005 ata o 2009) como director xeral de Cultura. Non fixen vida parlamentaria máis que ocasionalmente para ir a comparecencias en comisións informativas. Nunca estiven no hemiciclo ata o outro día, cando para coñecer as bancadas fun de visita con Ana Pontón e con Montse Prado, as dúas deputadas máis veteranas do BNG. Os demais somos novos no Parlamento.

Sentimentos "Teño mágoa por deixar o Concello, pero vou ao Parlamento con moita confianza, esperanza e ilusión"

Como afronta esta nova etapa na que incrementará o seu dilatado currículo político?

Teño un sentimento contraditorio. Por un lado, mágoa por ter que deixar o Concello no que estiven moitos anos da miña vida e que me deu moitas satisfaccións e alegrías. Sempre digo que onde fun máis feliz en política foi no traballo municipal. Por outro lado, vou ao Parlamento galego con moita confianza, esperanza e ilusión porque, a pesar da vitoria indiscutible do PP nas eleccións á Xunta, no BNG estamos nunha etapa nova na que podemos construír a alternativa nacionalista que este país necesita e na que temos moitas posibilidades de medrar e de consolidar o noso proxecto.

Que valoración fai dos resultados acadados polo BNG nas eleccións autonómicas?

Foi moito mellor do esperado porque as expectativas que daban as diferentes enquisas eran moito máis baixas. Foi un resultado positivo para o BNG porque, ademais, marca un novo ciclo de recuperación, reactivación, renovación e potenciación da organización, cun liderado moi visible e atractivo, o de Ana Pontón. Non podemos dicir que o resultado fose satisfatorio porque o noso principal obxectivo era construír unha alternativa ao PP e derrotalo. Saímos moi animados e motivados para iniciar a nova etapa no Parlamento galego e a do BNG.

Traballo "Gustaríame darlle un pulo a varios proxectos que están en marcha no Concello"

Co PP á fronte do Goberno e tendo maioría absoluta, como cre que será o traballo desde a oposición?

Desde o punto de vista da dinámica parlamentaria, o PP acostuma a funcionar como un rodillo e impoñer as súas posicións a partir da maioría absoluta que ten, e desde o punto de vista da dinámica social a vida política non se dá só nin principalmente no Parlamento, senón que hai moitos debates e batallas a nivel social nos que temos que seguir estando presentes para trasladalos ao Parlamento e construír unha alternativa non só a partir do traballo parlamentario, senón tamén desde o labor político en xeral. Hai moito campo para facer as cousas novidosas e atractivas con perspectivas de futuro, porque o que necesita o noso país é a esperanza dun futuro diferente do que ofrece a dereita, que é un proxecto pouco ambicioso en canto a país, que se está desmantelando e caendo a cachos. O PP non ten un proxecto de futuro de país e nós temos que ser capaces de construílo.

Que obxectivos ten marcados o BNG para os vindeiros catro anos como oposición na Cámara galega?

O de liderar unha oposición seria, rigorosa, de ideas e alternativas de futuro, cun liderado moi forte e visible. Temos a expectativa de ampliar a organización, de medrar e fortalecernos para chegar ás próximas citas electorais con máis posibilidades de poder tomar os mandos deste país, que necesita de forzas propias que aposten por el. No BNG estamos nunha etapa cun liderado novo, o de Ana Pontón, que nos permite chegar a sectores aos que antes non chegabamos. Se temos unha liña de traballo clara, coherente e cun rumbo certo imos obter grandes resultados no futuro.

Que área lle gustaría levar nesa nova etapa como parlamentario?

Dependerá das características dos integrantes do grupo parlamentario do BNG. En todo caso, vai haber un responsable territorial na área de Pontevedra, que me vai ocupar especialmente porque vou facer de interlocutor tanto coa organización como cos representantes sociais. A nivel sectorial, a asignación de áreas está pendente de determinar pero, en todo caso, os parlamentarios do BNG somos persoas polivalentes e flexibles para adaptarnos a elas. No meu caso, estou máis dedicado a temas de mobilidade e infraestruturas e non me importaría asumilas. A miña vocación vai máis pola liña do patrimonio histórico e da cultura, pero adáptome ao que me toque. Sempre imos ter equipos de persoas expertas que nos van asesorar e axudar para desenvolver o mellor posible o labor no Parlamento.

Cando ten pensado deixar o Concello para asumir a súa nova etapa como parlamentario?

A toma de posesión no Parlamento galego está fixada para o vindeiro día 21, pero non deixarei o Concello de forma automática. Faremos o relevo nos vindeiros meses porque non hai présa nin urxencia por facelo. Ademais, gustaríame darlle un pulo a varios proxectos que están iniciándose ou que xa están bastante avanzados para que as persoas que tomen o relevo encontren esas iniciativas o máis encamiñadas posible. Supoño que se fará unha reordenación do Goberno municipal porque haberá que estudar os perfís e as cualidades da persoa que entra nova e dos demais concelleiros.