MARCELO DOBODE, MÚSICO

"Hai que levar á vangarda a música de raíz"

O pandereteiro pontevedrés reinvéntase con 'Turoqua', un proxecto no que mestura rock, funk e soul

Marcelo Dobode (Pontevedra, 1980) nunha foto promocional. BREIKUS
photo_camera Marcelo Dobode (Pontevedra, 1980) nunha foto promocional. BREIKUS

Que é ‘Turoqua’? É o nome dun novo proxecto musical? O título do seu novo disco?
‘Turoqua’ é o nome que lle dei ao meu primeiro proxecto individual. É a primeira vez que saco algo así, meu totalmente. Teño a sorte de contar para isto cun gran produtor, Adrián Saavedra, que é quen arranxa os meus temas. ‘Turoqua’ é algo que levaba moito tempo con ganas de facer: levar á vangarda a música de raíz. É fundamental que a xente nova entenda as nosas músicas doutra forma. Hai que levar a nosa música ao estado máis actual. Estou falando do rock, do soul, do funk... ‘Turoqua’ ten toda esta mestura.

De feito, no vídeo de presentación do traballo, o de Carballeira, está acompañado polo que parece unha banda de rock.
Transformamos o que sería un cuarteto tradicional nunha banda de rock. Porque diso se trataba: de reinterpretar a nosa música desa forma. E estou moi contento, porque todo o mundo que o ve di que lle encanta. A fusión funciona de xeito brutal e, o máis importante, non se perde a esencia do noso. Levamos dous anos traballando nisto. Carballeira é o primeiro tema, pero hai outros once, que ao final do verán, aparecerán xuntos nun disco.

Son todos temas seus?
Hai dous que son arranxos de temas tradicionais, como Carballeira. E o resto, nove en total, son meus.

De que fala neles?
De moitas cousas. Da felicidade e do goce, pero tamén do compromiso. Hai algúns temas bastante reivindicativos, porque hai cousas que forman parte de min, do que son, que tiñan que estar aí. Por exemplo, Para ti, rarito eu fala dese dedo erguido que te sinala por ser gay ou por ser transexual ou polo que sexa. A estas alturas hai cousas que deberían estar súpernormalizadas e non o están, parvadas que seguen marcando algúns discursos e que están totalmente fóra de lugar. Hai outro tema que fala das almas das persoas, no que explico que hai que ter coidado co que se di porque hai xente moi fráxil á que con catro verbas mal ditas lle podes facer moito dano. Falo tamén do rural, onde vivo, e das queimas dos montes, que me tocaron de pretísimo e que tanta dor causaron. Como digo nunha copla: "Aínda que queiran matalo/ ou queiran queimalo, /o rural é sempre noso/ e non imos a negocialo".

Por que lle chamou a este traballo ‘Turoqua’?
Pois porque cando marchei vivir a Soutomaior comecei a ir moito ao Monte da Peneda. Lendo libros no Museo sobre a presenza romana en Pontevedra, dei con textos nos que se falaba de Turoqua e da vía romana que pasaba pola cidade. Investigando sobre o asunto, vin que unha das teses vincula Turoqua á Peneda. Ese monte está cheo de enerxía. Tivo un castro, unha torre e agora ten unha igrexa. É un espazo moi importante para min. Hai algunha árbore alí á que me abrazo moitas veces. Con aquelas marabillosas vistas diante, véñenche millóns de melodías á cabeza.

Segue considerándose a si mesmo pandereteiro? En Turoqua segue tocando a pandeireta, pero cunha actitude rockeira, moi diferente á habitual na música tradicional.
Si, sigo sendo pandereteiro, porque iso está na miña alma. Pero tamén creo que a pandeireta pode evolucionar e integrarse noutras músicas. Sting levaba un pandereteiro na súa banda xa nos anos 80. Pero aquí aínda estamos por descubrir todo iso. Se te saes do canon enseguida te tratan de tolo ou desprezan o que fas. A min encántame a cultura tradicional e respéctoa profundamente. Pero quero innovar. Unha cousa é o que moita xente pensa que é a raíz e outra o que é en realidade. Para min, a espontaneidade é o máis importante na música de raíz.

A pandeireta e a guitarra eléctrica casaron ben dende o comezo do proxecto ou hai detrás moito traballo?
Dende o minuto un, a banda funcionou. Fixemos un ensaio e tocamos dous temas seguidos. Foi tan máxico que rematamos, erguémonos e abrazámonos. Case non o podiamos crer. Tamén é certo que os músicos que me acompañan fano musicalmente, pero tamén sentimentalmente. Cren neste proxecto e iso é moi importante. Amor e respecto máximo, esa é a clave para que isto funcione. Todos nos queremos moitísimo, admirámonos moitísimo uns aos outros e pasámolo pipa traballando xuntos. Cando nos xuntamos volvemos ter 16 anos. E iso, cando xa tes 40, está moi ben.

E o resto dos seus proxectos: Primordiais, con Luis Martíns, Percubebés, con Bea Martínez... seguen adiante?
Claro! Todos seguen adiante. En Primordiais xa se aprezaban moitos destes intereses nos que agora profundicei en ‘Turoqua’. E Percubebés non pode ir mellor. Fixemos unha chea de actuacións e estamos preparando un libro-disco.

Comentarios