"Hai que incidir na educación; é a única saída ao machismo"

Milagros Domínguez presenta 'Proteger es mi deber. El honor mi divisa' na Casa das Campás
Portada da novela de Milagros Domínguez. DP
photo_camera Portada da novela de Milagros Domínguez. DP

A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, e o xeneral de división retirado da Garda Civil Ramón Rueda Ratón acompañan este venres a Milagros Domínguez (Redondela, 1968) na presentación da súa primeira novela, Proteger es mi deber. El honor mi divisa, coa que foi finalista do II Concurso Literario de la Asociación Pro Guardia Civil e a editorial Eolas. O acto terá lugar ás 19.30 horas na Casa das Campás (entrada libre ata completar cabida).

"Todo o que se faga para visibilizar o que está pasando é positivo", di a autora. "Porque aínda falta moitísimo para superar a violencia de xénero e erradicar o machismo. Hai que incidir na educación. É a única saída", insiste. Baixo o seu punto de vista, "todos somos un pouco machistas". "É inevitable que sexa así porque fomos educados nunha sociedade que o era. Os meus fillos, un home de 22 e unha nena de 13 anos, xa tiveron outra educación. Eu trato de aprender deles".

Milagros Domínguez participou no certame da Asociación Pro Guardia Civil despois de que lle pasaran o enlace ao concurso literario. "A miña primeira intención foi non participar porque, a pesar de que me gusta moito escribir, nunca me enfrontara cunha novela. Pouco despois atopeime cun control de tráfico por casualidade e aí saltou a chispa para o argumento dunha posible historia. Así que cambiei de opinión, púxenme a escribila e mandeina", conta a autora, afincada en Ponte Caldelas e membro da Federación pola Igualdade da Provincia de Pontevedra (Femupo) sobre a orixe deste título.

A garda civil é protagonista nesta historia que se centra nun caso de violencia de xénero. A narración comeza cando unha muller que vai coa súa filla no coche atopa un control de tráfico. Ao ter o carné de conducir caducado e ter que sancionala, o garda nota o especial nerviosismo co que reacciona, fai unha serie de averiguacións e descobre que ela puxera unha serie de denuncias por violencia de xénero. Queda preocupado e ao día seguinte ponse en contacto cos Equipos de Muller e do Menor (Emume) do corpo. "A novela non é unha trama na que haxa que acabar atopando a un delincuente ou algo así. Aquí o delincuente está na casa e dorme coa muller", explica Milagros Domínguez. "É unha historia moi sinxela, pero moi real. Desas que pasan todos os días".

SENTIMENTOS. A autora di que, máis que fixarse nun caso de violencia concreto, no que quería poñer o foco era nos sentimentos dunha vítima. "Penso que diso non se falou demasiado e que é moi importante poñelo enriba da mesa". Precisamente unha das razóns polas que di que se puxo a escribir a novela ten que ver co seu interese por achegar a realidade da violencia de xénero á poboación.

Comentarios