sábado. 17.04.2021 |
El tiempo
sábado. 17.04.2021
El tiempo

Román Rodríguez: "Hai que tecnificar o ensino e poder traballar en espazos máis flexibles"

Román Rodríguez, nas instalacións de Diario de Pontevedra. GONZALO GARCÍA
Román Rodríguez, nas instalacións de Diario de Pontevedra. GONZALO GARCÍA
Aboga por unha mellora "integral" tras "as leccións da pandemia", asumindo que as 4.000 novas prazas de mestres "non chegan"

A pandemia é algo máis que un reto. É unha realidade que cambiará moitas cousas, tamén no ensino, onde os esforzos sempre parece que quedan pequenos. O conselleiro de Educación e Cultura admite que están traballando para tecnificar o sistema educativo galego, que Román Rodríguez sitúa «entre os mellores de Europa.

Solventáronse todos os problemas de vacinación dos profesores?

Todo se está a facer moi rápido e por iso é posible que xurdan imprevistos, pero o importante é a axilidade da vacinación. Penso que no contorno da semana que vén pódese rematar o proceso para os menores de 55 anos.

Para cando os profesores das universidades?

Xa me gustaría que estivesen no protocolo fixado polo Estado. Estamos supeditados ao que diga o Goberno e ao subministración da vacina.

Estará vacinada a poboación estudiantil antes de xuño?

Nos gustaría que así fose, pero terá que haber subministración suficiente de vacinas.

Dobregaron os colexios a terceira onda da pandemia?

A evolución dos contaxios foi á par do resto da sociedade. En xaneiro houbo un incremento dos casos e chegamos aos catro mil contaxiados. Agora mesmo rondamos os mil. Pero hai que recordar que cada día pasan medio millón de persoas polos centros escolares e tendo en conta esa población, a incidencia é mínima.

A universidade volve o luns ás clases presenciais. Será outro momento de risco...

Estas decisións son do comité clínico. As diferentes facultades teñen competencias para poder compaxinar o presencial e o virtual se queren. Creo que deron mostra dunha gran capacidade de adaptación. Nós sempre apostaremos pola presencialidade.

Que cousas van cambiar para sempre no sistema educativo despois desta crise sanitaria?

O sistema educativo galego é comparable cos mellores de Europa. A nosa preocupación é poñer sementes para que o noso sistema siga a ser un sistema que educa con calidade, equidade e igualdade de oportunidades. A pandemia o que fixo é acelerar procesos. Por exemplo a dixitalización do ensino e a adaptación do ensino ao mundo virtual. Estamos traballando nunha estratexia de tecnificación do ensino. E tamén necesitamos novos espacios educativos. Serán máis abertos, flexibles e máis sostibles. Buscamos formar ás persoas en valores sólidos, que teñan creatividade e con destrezas para adaptarse a unha sociedade que cambia con moita velocidade.

Hai fondos para acometer a necesaria dixitalización?

Queirámolo ou non estamos nunha sociedade cada vez máis dixital. No ámbito universitario reclamamos máis fondos dentro das axudas europeas, porque plantexan 140 millóns para dous anos e hai 50 universidades públicas en España. Só en Galicia, a Xunta deulles 10 millóns as universidades nun ano para dixitalización.

Como se abordará esa dixitalización?

Sobre todo con dous grandes piares: a ética e a creatividade.

Estase formando aos mestres a tempo para estes novos retos?

O máis importante do sistema son os profesores. Teñen que ter unha formación continua e constante. Puxemos en marcha 1.700 accións formativas. Formáronse 30.000 profesores e 22.000 xa están acreditados en competencias dixitais.

Temos este ano a maior oferta pública de emprego. Suficiente?

Temos a segunda mellor ratio profesor/alumno de España, despois de Extremadura. Agora estamos en pleno proceso do organización. Serán casi 4.000 novas prazas e 240 de profesores de formación profesional técnica. Haberá entorno a 26.000 aspirantes. As probas desenvolveranse entre o 19 de xuño e o 23 de xullo. O número de tribunais sobe de 163 a 359. Ata agora, as oposicións facíanse nas sete grandes cidades e esta vez haberá novas localizacións. Mobilizaranse 3.000 membros de tribunal entre titulares e suplentes. Será unha aposta enorme por estabilizar ao profesorado.

Pero remata aquí?

Non. Para o ano que ven haberá outro proceso selectivo.

Coincidirá coa selectividade. Está todo previsto?

A Abau será na primeira quincena de xuño. Traballamos con moita planificación da man da Ciuga. Serán case 16.000 alumnos e agardamos que saia todo ben, como sucedeu xa no ano pasado. Hai que ter en conta que entre tribunais, alumnos e aspirantes, mobilizaremos en torno a 43.000 persoas. A mellor noticia será que non haxa noticias. 

A dixitalización do sistema educativo ten que asentarse sobre dous piares: por un lado a ética e por outro a creatividade


"Cando rematemos o mapa de titulacións, haberá que comezar outro, isto non para nunca" 

Está conforme coa valoración do informe Pisa?

Rotundamente si. Por exemplo, no que respecta aos valores. Os mozos galegos son os máis respetuosos e tolerantes con otras culturas. Somos os que máis coidado temos coa igualdade de xénero. E tamén os que máis usamos as dúas linguas. Todo isto danos esperanzas para acadar un futuro mellor.

Este ano toca ampliar o mapa de titulacións. Para cando se coñecerán as novidades e que espera dese proceso?

Presentamos xa os novos másteres nas universidades. Farémolo agora no ámbito dos graos e da formación profesional. Iremos da mán co mundo empresarial e dos nosos sistemas produtivos. Estas cousas sempre son revolucionarias.

Cando remate o proceso, cantas titulacións terán cambiado?

Cando rematemos esta fase haberá que comenzar de inmediato coa seguinte. Isto nunca para. O sistema educativo ten que cambiar conforme cambia a sociedade.

En xuño e xullo imos mobilizar a 43.000 persoas entre opositores, tribunais e alumnos da Abau; todo ten que saír ben


"Pontevedra sería un escenario magnífico para o Marisquiño; esta cidade sabe sumar" 

Como conselleiro de Cultura que vai facer para reactivar un sector severamente castigado pola pandemia?

No plan de reactivación financiamos 5.400 actividades. O que queda por facer é xerar un marco que garantice actividade cultural e que sexa segura. Temos que buscar novos formatos culturais e potenciar aos creadores para manter os empregos.

Segue o Xacobeo a ser a gran baza para resucitar ao turismo?

Non será o Xacobeo que tiñamos pensado. Traballamos de xeito coordinado coa Vicepresidencia primeira da Xunta. Queremos que a cultura sexa un elemento de atracción dos visitantes. Agardemos que no 2022 podamos ter unha explosión de actividade cultural e promoción de Galicia. O Xacobeo é un gran evento de promoción onde a cultura ten que ser un elemento moi importante.

Sabe se haberá visita do Papa o ano que ven?

(Risas). Rezaremos para que así sexa. Sería moi desexable. O Para é o líder dunha igrexa con máis de mil millóns de persoas. Sería unha magnífica noticia para Galicia. Pero aínda que soubese algo, non o podería certificar eu en ningún caso.

Perderá Galicia o festival do Marisquiño?

Pois depende de a quen lle preguntes. Se lle preguntas a quen a organización culpa de que desapareza, parece que non. É unha verdadeira mágoa e non é o primeiro gran evento internacional que se perde en Vigo. A Xunta vai estar aí sempre. Pero os organizadores son os que teñen a última palabra e quéixanse da falta de apoio do Concello e da Deputación. Estou seguro que calquera outra cidade de Galicia lle abriría a man a este evento.

Pontevedra, por exemplo?

Por que non. Estou seguro de que esta cidade sería un escenario magnífico para o Marisquiño. Pontevedra, con Culturgal, é un bo exemplo da vontade de sumar. O Culturgal é unha asociacion de vontades, busca a colaboración e o traballo cooperativo. No caso do Marisquiño, agora mesmo, non sucede así.

Román Rodríguez: "Hai que tecnificar o ensino e poder traballar en...
Comentarios
ç