Cintia Leins, Premio Muller do IES Luís Seoane: "Hai que tirar para adiante"

Cintia Leins Freire é un caso atípico, xa que vén de graduarse en Bacharelato con 27 anos despois dunha paréntese na que compaxinou estudos e traballo mentres atopaba a súa vocación

2020071617441097054
photo_camera Cintia, o pasado martes, co ramo de flores que simboliza o seu premio.

"Pola súa capacidade organizativa, pola súa creatividade ao poñer de novo a funcionar o periódico escolar A Ponte de Ferro, porque creou da nada o Club de Xornalismo, porque é a presidenta de NeoFem, porque é a vicepresidenta da Xunta de Delegados/as, porque é membro do Consello Escolar, porque se preocupa por todo o mundo, porque todo o mundo a quere, porque traballa nas fins de semana fóra da casa, porque se alegra cando os outros se alegran, porque se emociona cando ve que unha compañeira resolve un conflito, porque é unha muller feita e dereita...". Por todo isto, o pasado 30 de marzo, en pleno confinamento, o instituto no que Cintia Leins Freire acaba de graduarse en Bacharelato no IES Luís Seoane, concedeulle o Premio Muller.

Esta moza pontevedresa é a sétima en recibir este galardón, que "me pillou desprevenida" e que supuxo para ela "emoción e sorpresa", xa que simboliza "a confianza brutal que me teñen todos con só dous anos que levo aí".

Porque Cintia, que esta tarde coñecerá se a súa calificación na ABAU lle é suficiente para matricularse nalgún grao de Educación na Universidade, non é a típica rapaza de 18 anos cunha traxectoria académica convencional. "Hai dez anos que acabei Secundaria, fixen un ciclo e ata o ano pasado estiven traballando. Cando por fin souben o que quería facer da miña vida decidinme a estudiar Bacharelato". En agosto cumplirá os 27.

Ao rematar a ESO matriculouse nun ciclo de Hostelería, non tanto por que fora a súa vocación, senón por ir "ao doado" e vendo posibilidades de atopar emprego rapidamente, "en vez de estar na casa sen facer nada, mentres non decidía que estudar".

Cando apostou por volver ás aulas con 25 anos atopouse con reaccións do máis negativas. "Botábanme para atrás", aconsellándolle que se acollera ao réxime de adultos "porque aí non te vas a adaptar, que teñen todos 16 anos...". Pero ela seguiu "o meu instinto" e iso traduciuse "en amizades e moitos proxectos", como o grupo de igualdade NeoFem, que presidiu ata agora, ou a posta en marcha do xornal do instituto, que tratará de manter no próximo curso pese a estar xa fóra do centro. "Aprendín moito deles".

Aos 25 descubriu a súa vocación de mestra e, se a nota desta ABAU non lle é suficiente para matricularse nunha carreira deste ámbito, volverá intentalo. "Sempre me gustou ensinar e axudar aos máis pequenos a non renderse e a loitar polos seus soños. A moitos cústalles estudar, pero non por que sexan parvos. Quero darlles ese apoio e esa oportunidade e facerlles ver que calquera pode estudar e ser o que queira. Xa me ves a min, con 27 anos sacando o Bacharelato cun grupo de 18".

É por iso que rexeita o guión convencional que marca que coa maioría de idade calquera persoa ten clarísimo a que quere dedicar a súa vida e meterse de cabeza nunha opción académica.

"Eu nunca seguín os estereotipos, deixeime levar polo que cría". Por iso optou polo mercado laboral, "por unha parte para independizarme e deixar de ser unha carga na familia" e, por outra, para meditar ben o seu futuro. "Na hostelería aprendes a tratar coa xente, aprendes da vida. Pero moita xente réndese porque se deixa guiar polo que digan os demais. Tes que pensalo o tempo que che dea a gana. Que máis dá estudar con 20, con 30 ou 40? O caso é cumprir o que queres?".

INTEGRACIÓN. Así foi como a realidade tumbou os comentarios agoreiros que tivo que escoitar. Ata a metade de 1º de Bacharelato os seus compañeiros descoñecían a súa verdadeira idade. "Pensaban que tiña 17 ou 18 e tratábanme igual e despois, ao sabelo, como unha nai, pedíndome consellos...". Integrouse "ao cento por cento", pois a cifra que pon o DNI "non ten nada que ver". A isto contribuíu o feito de coincidir cun grupo "moi maduro e responsable".

Para máis mérito, Cintia sacou adiante nestes meses o complexo 2º de Bacharelato, sumado ao proxecto de NeoFem, o xornal, e o traballo de fin de semana nun bar. "Foi un pouco difícil", admite. O confinamento non aliviou a súa axenda, senón todo o contrario, pois tiña con ela a súa irmá pequena, "que ten TDA, o que tamén requeriu dedicarlle tempo. Foi unha responsabilidade máis e no confinamento foi esgotador para as dúas". E ao quedar sen o emprego na hostalería "empecei a traballar en liña nunha empresa americana de alta cosmética, e sigo niso. Continúo traballando, cos meus proxectos... Hai que tirar para adiante, sempre, custe o que custe".

Comentarios