"Veciñanza aspira a democratizar a participación da cidadanía"

Un grupo de persoas de distintos sectores profesionais e diferentes ámbitos territoriais pontevedreses vén de crear Veciñanza, un colectivo para a intervención e o activismo cívico na cidade do Lérez e a súa zona de influencia. Esta psicóloga e activista social é a súa presidenta
Herminia Dios Poceiro, presidenta de Veciñanza. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Herminia Dios Poceiro, presidenta de Veciñanza. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Que é Veciñanza e por que nace?
É un grupo de persoas co obxectivo común de facer unha defensa básica de dereitos desde o punto de vista da reivindicación cívica. Aglutinamos persoas do ámbito educativo, sanitario, de servizos sociais, do medio ambiente... con esta mesma inquedanza. Decidimos agruparnos e a fórmula xurídica que nolo permite é crear unha entidade sen ánimo de lucro e de aí naceu Veciñanza.

Cantos membros son polo momento?
Eu son a presidenta e temos unha xunta directiva formada por sete persoas. Durante este proceso xa se fixeron socias ou amosaron interese entre 20 e 25.

E pode unirse quen queira?
Si, é unha entidade aberta. Os nosos fins implican que estamos aquí para Pontevedra e para a súa comarca, así que calquera veciño ou veciña que estea interesado nesa defensa de dereitos básicos en todos os ámbitos pódese unir a nós; benvido será. Por agora non temos unha sede física, así que o contacto ten que ser a través do teléfono 666 689 122 ou do enderezo electronico asociacionvecinanza@ gmail.com.

"O que faltaba aquí é aglutinar inquedanzas e traballar cuns obxectivos comúns independentemente de quen goberne"

Cre entón que en Pontevedra faltaba un movemento social suficientemente activo?
Quizais o que falta é aglutinar inquedanzas e traballar cuns obxectivos comúns independentemente de quen goberne. Os movementos veciñais están aí e teñen unha traxectoria moi respectable; de feito, aspiramos a colaborar con eles. Pero o que si botamos en falta é a democratización da participación da cidadanía. Entendemos que debe haber algo máis que votar cada catro anos para elixir aos representantes que van ocupar os cargos políticos. Cremos que debe haber un servizo específico cunha metodoloxía de traballo onde a cidadanía teña diferentes canles para comunicarse e participar. Iso é o que botamos en falta en Pontevedra e na comarca, por iso Veciñanza aspira a mellorar a vida das persoas e a construír cidadanía desde un punto de vista cívico, social e crítico, cunha postura construtiva e con reflexión.

A súa primeira acción pública celebrarase este mércores. En que consiste?
Si, será unha xornada denominada O dereito a participar que comezará ás 19.00 horas na Casa da Luz (na Praza da Verdura) e consistirá nun relatorio e unha mesa redonda. A encargada do relatorio será Leire Zagazua Urturi, que é a síndica/valedora da veciñanza do Concello de Vitoria-Gasteiz. É unha experiencia moi útil porque alí levan moitos anos con este servizo de democratización da participación da cidadanía e defendendo os dereitos da veciñanza e que se mantén independentemente da cor política que pase polo equipo de Goberno. Esa é unha pluralidade á que nós aspiramos e consideramos moi interesante que nos conte esa experiencia. Despois haberá unha mesa redonda sobre os dereitos da cidadanía e a participación veciñal na que estarán o exalcalde de Pontevedra Juan Luis Pedrosa (que é o primeiro rexedor municipal desta cidade que puxo en marcha o regulamento de participación da cidadanía, que ademais é o que seguimos tendo hoxe, 20 anos despois) e tamén estará a concelleira Paloma Castro (que é a presidenta da Comisión de Queixas e Suxerencias no Concello de Pontevedra). Esa Comisión está aí a disposición da xente, pero é importante dala a coñecer, porque algunhas persoas xa temos unha idade e non nacemos cun móbil ou coas redes socias na man, senón que nos fomos afacendo a esas ferramentas, pero segue habendo unha enorme fenda dixital. Non é o mesmo a cobertura nin os coñecementos que pode ter un sector da poboación ou outro, ou se vives no casco urbano ou nas parroquias. E cando un cidadán quere presentar unha reclamación ou suxerencia, á hora de dirixirse á Administración, ás veces as novas tecnoloxías facilitan o traballo pero ás veces complícano. Por iso cremos que é importante dar a coñecer esa Comisión de Queixas e Suxerencias do Concello.

Ademais desta primeria acción que se celebrará o mércores, cales serán as liñas de actuación que vai seguir Veciñanza?
Aínda estamos planificando as accións concretas, pero si temos enriba da mesa os temas que interesan á cidadanía en relación a cuestións sanitarias, ámbito educativo, atención ás persoas maiores, servizos públicos básicos... A idea é, con todos estes temas, darlles forma e decidir as actividades a realizar: mesas redondas, ponencias, xornadas de divulgación e debate, seminarios específicos de formación e denuncia... sempre buscando a referentes neses ámbitos que haxa no concello de Pontevedra e na comarca, así como experiencias que nos poidan ser útiles para mellorar o que aquí non está funcionando ben ou que está denegando dereitos.

Comentarios