Cabezas transformará a súa escola de gaitas nunha fundación antes de 2017

O Centro Cultural de Monte Porreiro acolleu este luns a presentación do novo curso
Cabezas, na presentación do curso en Monte Porreiro
photo_camera Cabezas, na presentación do curso en Monte Porreiro

Máis de medio cento de alumnos asistiron o ano pasado ás clases da Escola de Gaitas de Pontevedra, o centro que abriu Hipólito Cabezas en Monte Porreiro trala decisión da Deputación de retirarlle a súa subvención. "Este ano agardamos incrementar esa cifra. A maioría dos alumnos renovaron a matrícula e contamos con que se incorporarán máis", explica Cabezas, que ten como primeiro obxectivo converter a escola nunha fundación antes de rematar 2016. "O maior problema que tivemos o curso pasado foi o económico. A viabilidade é a nosa maior preocupación", explica o director. "Contando só coas cotas dos alumnos é imposible manter as clases en marcha. Necesitamos aspirar a subvencións públicas e ao financiamento privado. Nesta situación a mellor opción é a posta en marcha dunha fundación. Estamos pendentes de cuestións burocráticas, pero penso que antes de finais de ano isto será unha realidade".

Hipólito Cabezas transformou a antiga Escola de Gaitas da Deputación en dúas escolas: unha en Pontevedra e outra en Vigo. Na de Pontevedra, na que traballan el e outros dous mestres, impártense clases de gaita (a partir de 8 anos), pandeireta (a partir de 6 anos) e redobrante (tamén desde 6 anos). "Estamos vendo a posibilidade de abrir tamén aquí clases de zanfona. Penso que en Pontevedra non se imparten en ningunha escola e nós contamos ademais con instrumentos. Se xuntamos unha ducia de alumnos poñeriámolas en marcha". En todos os casos hai grupos de cativos e de adultos e de iniciación e perfeccionamento.

MONTE PORREIRO. "O día 1 de outubro comezamos as clases", indica Cabezas, que volverá traballar no Centro Cultural de Monte Porreiro. "Estamos encantados alí". Polo de pronto, a matrícula permanecerá aberta ata que se completen os grupos. O prezo da inscrición é de 25 euros e a cota mensual de 15 euros. Pódese solicitar máis información no centro de Monte Porreiro, os luns de 18.00 a 22.00 horas, e os mércores, de 19.00 a 21.00 horas.

"O ano pasado foi complicado para nós", recoñece Cabezas. "Economicamente foi un desastre e aguantamos como puidemos. Pero no aspecto humano foi incrible. Foi un pracer traballar cuns alumnos e cunhas familias que se centraron en sacar adiante a escola. Quedei moi contento".

Comentarios