Historia dun parlamento

O Café Moderno acolle, ata o 25 de xuño, a exposición 'O poder da palabra. 40 anos do Parlamento de Galicia (1981-2021)'. A mostra inaugurouse orixinalmente a finais do ano pasado en Santiago e itinera por todo o territorio
Miguel Santalices e Ramón Villares inaugurando a exposición no Café Moderno. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Miguel Santalices e Ramón Villares inaugurando a exposición no Café Moderno. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Papeletas orixinais da votación do Estatuto de Autonomía, actas de diferente tipo, libros, orzamentos, medallas e insignias, unha edición crítica do Sempre en Galiza, fotografías e vídeos, entre outras cousas, compoñen a exposición que se inaugurou este mércores en Pontevedra sobre a historia do Parlamento de Galicia. "Aquí sáldase unha débeda coa sociedade galega", dixo o presidente da institución, Miguel Santalices, que fixo fincapé no papel que xogou Pontevedra na orixe da autonomía.

"Recibiu achegas moi importantes dende Pontevedra. E moitos pagaron un alto prezo por aquilo. Bóveda foi vilmente fusilado e outros pagárono co exilio, como Castelao. Pero se hoxe Galicia se pode equiparar a Cataluña ou ao País Vasco é grazas ao seu traballo". E rematou volvendo ao caso de Alexandre Bóveda. "Hoxe, en Pontevedra, renderlle unha homenaxe a Bóveda era obrigado. Esta exposición quere facelo".

O Café Moderno acolle, ata o 25 de xuño (entrada libre e gratuíta), O poder da palabra. 40 anos do Parlamento de Galicia (1981-2021), unha mostra que percorre a historia da institución dende a súa constitución, o 19 de decembro de 1981 no Pazo de Xelmírez, ata a actualidade. Está integrada por 24 paneis, un vídeo divulgativo e 17 vitrinas con documentación histórica e bibliografía relacionada co proceso de configuración da autonomía de Galicia.

Comisariada por Ramón Villares, catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago, O poder da palabra, que se inaugurou orixinalmente a finais do ano pasado en Compostela e agora itinera polo territorio, contou coa asesoría de Miguel Anxo Seixas e Gustavo Hervella, integrantes do grupo Historia Agraria e Política do Mundo Rural (Histagra). O deseño gráfico correu a cargo de Xosé Díaz Arias.

"Hoxe, en Pontevedra, renderlle unha homenaxe a Bóveda era obrigado", dixo Santalices. "Esta exposición quere facelo"

"Esta é unha forma de conmemorar os 40 anos da autonomía, condensando imaxes, palabras e documentos da historia do Parlamento, unha institución que naceu sen ningún precedente nin moitas referencias históricas e sen tradición de parlamentarismo", dixo Villares, que tamén sinalou que a mostra fai fincapé no positivo destes 40 anos de historia, "pero non esconde os problemas que enfrontou".

IDIOMA. O presidente Santalices puxo tamén o foco na relevancia que a autonomía tivo para Galicia en cuestións como as transferencias sanitarias. Igualmente eloxiou a eficiencia do Parlamento e outras cuestións como o nivel de consenso que se consegue entre os grupos parlamentarios ou o compromiso co idioma de todos os políticos do Hórreo. "Todos falan galego. Absolutamente todos. Ese compromiso non existe en todos os parlamentos".

Como Santalices, o comisario tamén fixo referencia específica á conexión da mostra con Pontevedra. "Compráceme moito que poida ser visitada no Café Moderno, un espazo moi vinculado ao soño autonomista dunha xeración de galeguistas entre os que estaban Losada Diéguez, Castelao, Sánchez Cantón, Bóveda e Filgueira".

Á inauguración en Pontevedra asistiron parlamentarios e exparlamentarios da cidade como Pedro Puy, Paloma Castro, Jacobo Moreira e Patricia Vilán.

Comentarios