Cinco 'Historias para coñecermos Pontevedra'

As novelas da iniciativa do Diario e a editorial Elvira discorren nos barrios da Alameda, Zona Monumental, Lérez, As Corbaceiras e Mourente
As cinco novelas deste ano. DP
photo_camera As cinco novelas deste ano. DP

As cinco novelas da iniciativa Historias para coñecermos Pontevedra están xa a venda nas principais librarías da comarca. Trátase dunha colección impulsada por Diario de Pontevedra e a editorial Elvira, na que cinco autoras e cinco autores (a metade este ano e a outra metade no 2023) narran historias breves ambientadas en distintos barrios da cidade.

O proxecto, que busca promover as novelas en galego, poñer en valor o concello de Pontevedra e xuntar nunha mesma iniciativa a creadores consagrados con outros con menos experiencia no mercado editorial, desenvólvese coa colaboración da asociación de escritores en galego 4 Patacos, que prologa cada unha das novelas a través dun dos seus membros.

Ademais, todos os libros contan cun mapa da zona na que se desenvolve a trama, de xeito que os e as lectoras poidan percorrer os principais lugares ambientados nas novelas.

Fotografías realizadas polos profesionais gráficos do Diario de Popontevedrasntevedra ilustran as creacións literarias, nas que participan a académica e mestra Fina Casalderrey, a poeta e escritora Tamara Andrés, a avogada e columnista María Biempica, e os colaboradores habituais do Diario de Pontevedra e escritores Rafa Cabeleira e Rodrigo Cota.

libros

Nesta ocasión, os barrios que foron novelados son a Alameda, a Zona Monumental, Mourente, As Corbaceiras e a parroquia de Lérez.

Historias para coñecermos Pontevedra terá continuidade no ano 2023 con cinco novos relatos elaborados por autores como o presidente da RAG, Víctor Freixanes, a libreira e escritora Mercedes Corbillón, o escritor e mestre Santiago Lopo e os periodistas, columnistas e escritores María Varela e Xabier Fortes.

Comentarios