O home que trouxo o xeado á cidade

Falece José Dimas,recordado polos maiores de Pontevedra como o dono do carriño de xeados La Orensana, co que percorría barrios e parroquias vendendo este doce

José Dimas no seu carriño de xeados, na Praza da Ferraría. CEDIDA (BLOG VELLA PONTEVEDRA)
photo_camera José Dimas no seu carriño de xeados, na Praza da Ferraría. CEDIDA (BLOG VELLA PONTEVEDRA)

OS XEADOS de cadeas empresariais internacionais deleitan agora os padais dos que pasean pola Praza da Ferraría. Creacións a base de nata ou iogur con nomes en inglés substitúen aos xeados de toda a vida, dos que José Dimas era embaixador. Noutro tempo foi el, un mozo de Ourense de familia de xeadeiros, o que refrescaba aos paseantes coas súas receitas. Todos recordan o posto da Ferraría chamado Avidesa e os de máis idade aínda son quen de lembrar a variedade de sobremesas artesás cas que Dimas paseaba no seu carriño por parques e parroquias de Pontevedra. Este luns todo o mundo lamentaba o seu pasamento.

Dimas faleceu o pasado domingo aos 92 anos de idade e as reaccións nas redes sociais non se fixeron esperar. "Recuerdo cuando venía al barrio de A Seca con su Avia llena de helados. Nos atendía con mucho cariño", recollía un comentario dun veciño nas redes.

Segundo explica José Valero, autor do blog Vella Pontevedra, José Dimas chegara á Boa Vila de neno, nos anos 20, acompañando aos seus pais, que xa se adicaban á venda ambulante de xeados. Ao negocio puxéronlle La Orensana, probablemente aludindo á terra que a familia abandonara para gañar a vida en Pontevedra. Xa de neno, axudaba na casa a fabricar os sorbetes e máis as galletas que seu pai repartía. No tempo no que os conxeladores eran cousa do futuro, os produtos para as receitas adquiríanse no mercado e unha mula cargaba dende a lonxa de Marín barras de xeo que servían para a fabricación dos doces e a súa conservación.

José Dimas tomou o relevo do negocio dos seu pais e era habitual velo no parque das Palmeiras co seu carriño. Foi nos anos 40 cando, tanto el como o seu irmán, pasaron a formar parte do negocio. "Entonces había en Pontevedra solo dos heladerías, la de los Ojea, La Ibense y nosotros, La Orensana, y se nos podía ver, además de por las calles de la ciudad, por todas las fiestas de los alrededores. En Poio, en Marín, en Lérez y hasta en Sanxenxo, hacia donde teníamos que salir muy temprano ya que íbamos andando", explicáballe Dimas a José Valero para o blog Vella Pontevedra.

Co paso dos anos, a chegada do frigorífico e máis do conxelador cambiou o modelo de negocio dos vendedores de xeados. Os carriños de La Orensana, que antes eran parte da paisaxe nas rúas e prazas da cidade, desapareceron e Dimas instalou un posto no que dispensaba este doce, pero xa non estaba fabricado por el mesmo. Os que eran nenos nos 70 e nos 80 recordan os seus polos de limón e de laranxa.

Por aquel entón, o negocio xa non levaba o nome La Orensana e o quiosco da Ferraría pasou a chamarse Avidesa para vender doces e lambonadas de orixe industrial. Máis de 40 anos pasou Dimas na Ferraría, pero a arte do gelatto aprendeuna moito antes, dende o berce. A súa familia e amigos despedírono este martes na Basílica de Santa María, onde tivo lugar o seu funeral.

Comentarios