Homenaxe a unha nova forma de narrar

O XIV Encontro de Palilleiras Concello de Pontevedra reúne a 1.300 profesionais chegadas de toda Galicia e diversos puntos de España ▶A pregoeira, María Xosé Dourado, lembrou a Luís Seoane, Isaac Díaz Pardo e as pioneiras do encaixe

Vista xeral do Recinto Feiral, onde se reuniron máis dun milleiro de palilleiras traballando na xornada do domingo. RAFA FARIÑA - XIV Encontro de Palilleiras Concello de Pontevedra
photo_camera Vista xeral do Recinto Feiral, onde se reuniron máis dun milleiro de palilleiras traballando na xornada do domingo. RAFA FARIÑA

"Levades a arte da paciencia e da tradición nas vosas mans e nos vosos recordos. Tamén palillándoos, que, desde agora, xa é unha nova forma de narrar". Así concluíu a súa intervención María Xosé Dourado, a pregoeira do XIV Encontro de Palilleiras Concello de Pontevedra, que este domingo reuniu a unhas 1.300 persoas no Recinto Feiral. O evento, organizado pola Asociación de Palilleiras de Pontevedra A Fieitiña, que preside Esperanza Marín, escolleu como pregoeira a esta profesora do IES Luís Seoane.

Precisamente este artista, que lle dá nome ao instituto de Monte Porreiro, é o homenaxeado este ano no Día das Artes Galegas e tamén estivo moi presente neste encontro. Súas son as obras que a experta en encaixe Ana Rosa Liste recreou con fío. A outra figura inmortal á que tamén fixo referencia Dourado foi Isaac Díaz Pardo.

As participantes aproveitaron para comprar materiais. RAFA FARIÑA - XIV Encontro de Palilleiras Concello de Pontevedra
[As participantes aproveitaron para comprar materiais. RAFA FARIÑA]
 

"Houbo unha vez dous homes que pensaron un Laboratorio de Formas de Galicia: deron emprego ás mulleres da Mariña de Lugo na planta circular de fabricación das pezas en porcelana (a famosa Sargadelos) aproveitando aquel barro branco, o caolín, tan abundante na zona; con Ediciós do Castro os escritores e escritoras puideron publicar todo o que escribían; os xeólogos encontrábanse para investigar as nosas formacións rochosas e as pedras; a colectividade de artistas puido encher o Museo Carlos Maside das súas pezas... unha empresa global", lembrou a docente. Eses dous homes eran Seoane e Díaz Pardo.

Duos Pontes puxo o toque musical na inauguración do encontro. RAFA FARIÑA - XIV Encontro de Palilleiras Concello de Pontevedra
[Duos Pontes puxo o toque musical na inauguración do encontro. RAFA FARIÑA]
 

Entre os dous artellaron o logotipo branco e azul que representa "a comunicación entre alumnado e profesorado" e que constitúe o selo que identifica o instituto no que Dourado leva anos como mestra. As outras imaxes daquel libro, Figurando recuerdos, son as que Liste recreou co encaixe. "Ela soubo colocar as manchas verdes, azuis, amarelas, marróns... pintándoas no lenzo; facer os debuxos sobre os que establecer os correspondentes picados para que saísen os homes e mulleres lembradas, adestrando os puntos necesarios e inventando outros imposibles... E cando os encaixou todos, aínda seguiu procurando máis cadros daquel artista xenial: das súas mans afeitas ao encaixe saíu o peregrino, a muller das zocas, a moza coruñesa, o gaiteiro".

ORGULLO. No acto central do encontro tamén participou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, quen manifestou o seu "orgullo" por acoller na cidade "unha das máis grandes palilladas" de Galicia, que axuda a "sacar a máxima rendibilidade" a esta labor, así como a "recuperar o encaixe" e traer a "xente de toda España".

Lores, durante a súa intervención, ao lado de Mª Xosé Dourado e Esperanza Marín, entre outras persoas. RAFA FARIÑA - XIV Encontro de Palilleiras Concello de Pontevedra
[Lores, durante a súa intervención, ao lado de Mª Xosé Dourado e Esperanza Marín, entre outras persoas. RAFA FARIÑA]
 

No Recinto xuntáronse representantes de ducias de asociacións, a maior parte galegas. Chegaron de localidades ourensás como Maside, Coles, A Mezquita e O Barco de Valdeorras; luguesas como Monforte de Lemos ou Burela; coruñesas de Neda, Arteixo, Narón, Boiro, Noia e Ames, así como dunha morea de concellos pontevedreses: Sanxenxo, Valga, Tui, A Guarda, Marín, Ponteareas, Vigo, Moaña ou Cambados.

Ao redor das mesas de traballo instalarónse numerosos postos de venda nos que as palilleiras puideron adquirir todo tipo de materiais para levar a cabo o seu labor, froito do traballo e do talento.

Palilleiros. "Todo é poñerse, polo menos entretéñome"

José Pérez, un dos poucos palilleiros que participaron no encontro. RAFA FARIÑA - XIV Encontro de Palilleiras Concello de Pontevedra
[José Pérez, un dos poucos palilleiros que participaron no encontro. RAFA FARIÑA]
 

Son ampla maioría, pero entre elas tamén hai algún palilleiro como Manolo ou José. Manolo, de 60 anos, veu con Mar, a súa parella, que leva unha década dándolle aos bolillos, e máis xente dunha asociación de Arteixo (A Coruña). "Levo sete anos palillando, obrigáronme", chancea.

Conta que "estaba aburrido" e, afeito a acompañar a Mar aos encontros, "comprei o aparello e polo menos entretéñome". Réstalle difi cultade ao labor. "Se o fago eu pódeo facer calquera. Vas cruzando os palillos e algo vai saíndo. Todo é poñerse".

Unhas mesas máis aló está José Pérez, chegado da Mezquita (Ourense). De 63 anos, empezou a palillar hai sete meses, tras xubilarse. "Pensara en dedicarme a isto cando me retirara e ao fi nal enfermei e aquí estou. Outra cousa non podo facer".

Comentarios