domingo. 18.08.2019 |
El tiempo
domingo. 18.08.2019
El tiempo

Honra para os presos dos nazis

O Concello homenaxea aos seis presos pontevedreses en campos de concentración de Hitler dos que se ten noticia. O acto será o vindeiro sábado ás 12.30 horas nas ruínas de San Domingos

Manuel Coto faleceu en Gusen en 1943, preso pontevedrés en un campo de concentración nazi. CEDIDA (CONCELLO)Como moitos dos españois que acabaron en campos de concentración nazis, Manuel Coto –na imaxe do lado– refuxiouse en Francia despois de perder a Guerra Civil co bando republicano. Saira de Marcón con 30 anos e unha moza, Matilde Villaverde, que estaba embarazada por aquel entón. Tivera que ir loitar á fronte co bando franquista e, en canto puido, cambiouse ao lado republicano. A última noticia que tivo del a nai da súa filla foi unha carta de decembro de 1936 (que a familia aínda conserva) na que lle pedía que lle puxera ao bebé Manuel ou Manuela, dependendo do sexo, e expresaba o seu desexo de casaren. A partir de entón, ninguén volveu ter noticias súas.

Hai uns días Manuela recibía en Bos Aires, Arxentina, a onde emigrou Matilde despois da guerra e onde refixo a súa vida, a noticia de que seu pai estivera preso en Gusen, onde faleceu o 2 de xuño de 1943. Non soubera nada da existencia del despois daquela carta e a realidade fíxoselle dolorosa aos seus 82 anos. "Está moi afectada pola noticia; este tipo de acontecementos demostran o importante que é rescatar a memoria histórica", apuntaba este martes o edil de Patrimonio, Luís Bará, durante a presentación dunha homenaxe aos presos dos campos de concentración nazis que se celebrará o vindeiro sábado (ruínas de San Domingos, 12.30 horas).

O Concello afonda así na reconstrución da historia dos represaliados que padeceron o terror dos nazis, biografías difíciles de recompoñer debido á ausencia de datos e referencias sobre o seu itinerario ata chegar aos campos. Neste sentido, o historiador Xosé Álvarez Castro traballa no eido da investigación para aclarar como foron as vidas dos que acabaron en campos como Gusen ou Neuengamme. Por outra banda, a xornalista experta en memoria histórica Montse Fajardo encargouse de recoller a memoria oral da veciñanza de Pontevedra arredor das figuras dos presos dos nazis. Ambos os dous estarán no acto desde sábado, xunto a representantes das familias e o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores. "Estas homenaxes serven tamén para que se socialicen as historias destas persoas, pero tamén axudan a localizar ás familias que poden achegar máis datos sobre as vidas das vítimas", contou Bará na presentación do martes.

Manuel Pérez Taboada, preso pontevedrés en un campo de concentración nazi. CEDIDA (CONCELLO)PÉREZ TABOADA. Sábese de seis pontevedreses que pasaron polos campos nazis, catro deles faleceron e dous sobreviviron. A historia dun deles, Manuel Pérez Taboada –na imaxe anexa–, coñeceuse hai apenas uns meses, despois de que a familia acudise ao Concello ao ver o seu nome neste periódico. A partir dunha noticia publicada en Diario de Pontevedra, puido reconstruirse a vida de Pérez Taboada, que marchou de Xeve con 19 anos, despois de que se producise o golpe de Estado de 1936.

Loitou co bando republicano e, a partir de 1939, refuxiouse en Francia, onde foi apresado polos nazis e levado a Neuengamme. Sobreviviu ao terror do campo de concentración, onde, segundo el mesmo contaba, había días nos que chegou a comer herba debido á fame que pasaba. Deulle tempo a saber da morte de Franco, pero non a volver a Pontevedra, xa que faleceu poucos meses despois do ditador. O seu nome foi rescatado das listaxes de vítimas porque o organismo alemán International Tracing Service (ITS) publicou unha lista de persoas que pasaran por Neuengamme e cuxos obxectos persoais estaban aínda en poder do Estado alemán. O obxectivo era devolvérllelos ás familias. Entre estes estaban dous aneis de Manuel Pérez Taboada, que a súa filla puido recibir a principios de ano despois de que a historia do de Xeve saíse publicada na prensa.

"Esta é unha homenaxe na que estabamos traballando dende hai tempo, pero a aparición da familia de Pérez Taboada, que ten dúas irmás vivas en Pontevedra, acelerou o proceso", explicaba este martes Bará. Ambas irmás poderán estar o vindeiro sábado na homenaxe coa que o Concello pretende reparar e dignificar a memoria dos que foron presos nos campos de concentración nazis.

Os nomes. Pontevedreses, seis testemuñas do xenocidio
Os expertos calculan que 9.000 españois pasaron polos campos de concentración de Hitler. De todos eles, máis de 5.000 non sobreviviron.

Nas listaxes figuran 179 galegos entre todos os presos dos nazis, dos cales 34 eran da provincia de Pontevedra e seis da cidade capitalina. Sábense os seus nomes, pero é difícil determinar como foron as súas vidas. Non aparece na lista Ramón Martínez, almeriense que vivía en Pontevedra ao casar coa leiteira de Campañó. Tamén el pasou polos campos e sobreviviu a eles.

Antonio Gómez Torres
Aínda que figura como pontevedrés, aos investigadores foilles imposible atopar na cidade ningún rastro deste preso de Gusen, que faleceu en febreiro de 1945, pouco antes de ser liberado o campo, en maio.

Urbano Sanmartín
Naceu en Mourente o 15 de marzo de 1902. Foi deportado de Francia a Mauthausen, onde faleceu en 1941.

Claudio Tizón
Sábese que era de Pontevedra e estivo no campo de concentración de Hartheim, en Austria. Faleceu en 1942.

Macario Cortegoso
Sospéitase que naceu en Pontevedra e emigrou a Cataluña antes de ser detido polos nazis. Sobreviviu aos campos.

Manuel Soto
Marchou de Marcón con 30 anos e faleceu en Gusen en xuño de 1943.

Manuel Pérez Taboada
A súa historia foi recollida por Diario de Pontevedra o pasado mes de novembro. Sobreviviu ao campo de Neuengamme, viviu o resto da súa vida en París con moitas secuelas e faleceu en 1976.

Honra para os presos dos nazis
Comentarios