A hostalería dispón de seis millóns para apostar polo márketing dixital

As axudas oriéntanse a software de xestión hoteleira, captación de clientes, adquisición de equipamentos tecnolóxicos e páxinas web
undefined
photo_camera López revisando cos responsables de Matías de Cabo e Hijos SL as melloras acometidas no hotel Rías Bajas. JC

A Xunta de Galicia, a través da Axencia Turismo de Galicia, vai destinar seis millóns de euros en accións de promoción de dixitalización e márketing dixital orientadas principalmente á hostalería co obxectivo de seguir afondando na reactivación do sector turístico e contribuír á súa recuperación tras as necesarias restriccións derivadas do covid-19.

O delegado territorial da Xunta, Luis López, informou desta nova orde nunha visita ao Hotel Rías Bajas, que recibíu unha achega de case 30.000 euros para investimentos para modernizar as súas instalacións.

"Seguimos impulsando accións de mellora da competitividade para o sector turístico co obxectivo de superar os 120 millóns de euros en achegas no presente exercicio, xa que sabemos que son inxeccións moi importantes para superar o impacto da pandemia e para seguir incrementando os estándares de calidade dun sector económico fundamental, que se está a recuperar grazas ao esforzo de todos para consolidar a Galicia no destino de moda e de referencia en España e Europa no que se converteu nos últimos meses", manifestou López.

Esta nova liña, que ten aberto o prazo de solicitude ata o día 25, ten por obxecto a instalación de software de xestión hoteleira para organización e programación de áreas (PMS) e coñecemento das demandas dos clientes (CRM), o financiamento de produtos e servizos de márketing para a fidelización e captación de clientes, accións vencelladas ás paxinas web corporativas, a adquisición de equipamentos tecnolóxicos que confiran seguridade sanitaria ou os gastos derivados dos sistemas de control do teletraballo.

As subvencións, que poden alcanzar ata o 100% do investimento cun límite de 15.000 euros, oriéntanse a hoteis, hostais, casas rurais, restaurantes, bares ou aos autónomos, pemes e micropemes da hostalería que teñan domicilio fiscal en Galicia.

Hotel Rías Bajas. Na visita ó hotel Rías Bajas, o delegado da Xunta supervisou as melloras, nas que se investiron case 100.000 euros e que recibiron unha achega autonómica do 30%.

Ao abeiro desta actuación, que tiña uns parámetros e fins diferentes aos da actual orde, o establecemento pontevedrés, con máis de medio século de historia, renovou a súa instalación eléctrica, instalou un moderno sistema de detección de lumes, incrementou os sistemas de conexión e enchufes para atender as novas demandas dos clientes, colocou tarima frotante nas habitacións das súas catro plantas, renovou as televisións e mellorou a súa accesibilidade cunha plataforma elevadora.

Comentarios