"Hoxe garantimos a  continuidade da nosa Casa da Cultura"

Dende a súa construción nos anos 30, a Cultural de lérez pasou polas mans dos veciños, do franquismo, da Xunta e do Concello
 
Casa da Cultura de Lérez. EMILIO MOLDES
photo_camera Casa da Cultura de Lérez. EMILIO MOLDES

 De ser dos veciños a ser expropiada polo Estado durante o franquismo. De ser propiedade da Xunta a ser cedida ao Concello e, por último, devolta aos lerezanos. A historia da Casa da Cultura de Lérez deu xa voltas abondo e, no capítulo do luns, o Concello e máis as asociacións da parroquia asinaron un acordo para garantir a continuidade de dito edificio. "Hoxe é un día moi importante para a parroquia, porque con este acordo garantimos a  continuidade da nosa Casa da Cultura", explicaba o luns o presidente da Comunidade de Montes de Lérez -titular do inmoble-, Martín Martínez.

O acordo en sí consiste nunha cesión de uso do edificio ao Concello, que se encargará a partir de agora dos custos que supón o mantemento do edificio, unhas facturas que suman arredor de 700 euros mensuais, "sen ter en conta os gastos derivados de obras de mantemento e mellora", tal e como explicou o alcalde. A propiedade da casa seguirá sendo dos comuneiros de Lérez, unha cuestión sentimental e histórica que afecta á veciñanza da parroquia, que foi a encargada de levantar o edificio orixinal alá polo 1929. En concreto, foron un grupo de veciños os que, por aquel entón, fundaron a asociación Juventud Lerezana e levantaron o edificio, que estivo listo en 1933. Pouco despois, tras o golpe de Estado fascista, o inmoble foi incautado polo Estado na época do franquismo ao considerar  á asociación inimiga dos principios do réxime.

A cesión de uso ao Concello terá unha validez de 25 anos prorrogables a outros 25 e chega sete anos despois da posta en marcha da nova etapa do edificio 

Unha vez instaurada a democracia, a Comunidade de Montes de Lérez reclamou o edificio  en 1982 e iniciouse o procedemento para a súa recuperación. O camiño foi lento. A Xunta de Galicia tivo que cederlle a propiedade ao Concello e este, á súa vez, devolverllo á Comunidade de Montes. Porén, o dito local precisaba dunha reforma integral, polo que se convocou un concurso de arquitectura para atopar unha solución de futuro.

Todo este proceso dilatouse ata 2012, cando o edificio estivo en condicións de ser inaugurado tras un investimento de 540.000 euros que se reuniron coa achega do Concello e da propia Comunidade de Montes. Cúmprense agora sete anos dende a posta en marcha da nova etapa da Casa da Cultura de Lérez. "A Comunidade de Montes de Lérez ten dificultades para costear os gastos de mantemento e por iso o Concello farase cargo deles, aínda que a xestión seguirá pertencendo aos veciños", explicou o luns o propio alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, durante a sinatura da cesión de uso ao Concello. Trátase dunha cesión por 25 anos que será prorrogable outros 25 e que pon solución aos problemas de financiamento que tiña a Comunidade de Montes. "En todas as parroquias e barrios hai un espazo cultural, non telo en Lérez sería un agravio", aseguraba onte Fernández Lores. 

A cesión por 25 anos será prorrogable outros 25

"Nós non temos ningún tipo de ingreso e somos unha parroquia que ten feito moitas achegas a Pontevedra, como os propios terreos da Xunqueira, por iso nos parece xusto", explicaba o luns Martín Martínez, que aseguraba quitar "un gran peso de enriba" con este acordo.

Comentarios