Iberdrola cobrará 1,48 millóns de euros pola subministración eléctrica

A adxudicataria comprométese a ofrecer enerxía "verde", é dicir, que "o 100% da subministrada procederá de renovables e de coxeneración de alta eficiencia"
Iluminación pública en Pontevedra
photo_camera Iluminación pública en Pontevedra

A oferta económica -cunha baixa de 114.000 euros, algo máis do 7%- foi determinante para que o Concello de Pontevedra adxudicase á compañía Iberdrola o novo contrato de subministración de enerxía eléctrica do municipio. Así o anunciou este martes o portavoz do Goberno local, Raimundo González, trala aprobación na Xunta de Goberno. O contrato saíra a licitación por 1.598.000 euros e Iberdrola asume o servizo por 1.484.000. Ao igual que as súas competidoras do concurso, a adxudicataria comprométese a subministrar enerxía "verde", é dicir, que "o 100% da subministrada procederá de renovables e de coxeneración de alta eficiencia", subliñou o edil. O contrato ten un ano de vixencia, prorrogable ata tres máis.

Xunto con Iberdrola concorreran ao concurso de subministro eléctrico Nexus, Unión Fenosa, Ados e Endesa. O contrato cubrirá arredor do 75% da enerxía consumida no concello, xa que quedan fóra os subministros de menos de 10 kw/hora. Realízase para cubrir 2010 subministros que suman 10.093.845 kw. Esta enerxía atenderá as necesidades da iluminación pública, das escolas, centros municipais, gardería, auditorio e pavillóns deportivos.

O centro municipal máis consumidor de enerxía eléctrica é o Pazo de Congresos, que consume 447.678 kw/ano. E canto ás rúas, a listaxe de maiores consumos está encabezada por Andrés Muruais (247.000), Serra (244.000), Gutiérrez Mellado (197.000) e o parque Rosalía de Castro (195.000), aínda que o nome se corresponde co emprazamento do cadro eléctrico colectivo e abrangue un espazo urbano máis amplo.

LOURIZÁN. Por outra banda, a Xunta de Goberno acordou prorrogar por seis meses o contrato do Servizo de Axuda no Fogar á empresa Clece mentres non se remata a tramitación da nova licitación. Trátase dunha ampliación legal, subliñou González, xa que podería estar vixente ata 2021, pero a empresa non está interesada. O servizo dará "un salto importante" ao superarse as 90.000 horas de atención aos usuarios e pasar dun custo de 750.000 euros anuais a case 1.400.000.

No apartado de obras, botou a andar o proxecto de rehabilitación integral do barrio do Cabo, en Lourizán, que conta cun orzamento de 216.232,81 euros e un prazo de execución de catro meses, a contar dende a adxudicación da obra. A intención é mellorar o acceso desde Praceres e á praia, reordenar os aparcadoiros nas inmediacións do colexio, rehabilitar as ruelas e renovar toda a iluminación.

Finalmente, aprobouse o proxecto para mellorar a seguridade viaria en Salcedo con 49 lombos que se licitarán por 130.505 euros. O prazo será de catro meses.