Carme Fouces: Ida e volta a Cidade de México

A concelleira mantén reunións de traballo na Feria Internacional del Libro Infantil y Juvenil de Cidade de México co fin de crear un programa conxunto co Salón do Libro de Pontevedra

A concelleira Carme Fouces na Feria Internacional del Libro Infantil y Juvenil de Cidade de México
photo_camera A concelleira Carme Fouces na Feria Internacional del Libro Infantil y Juvenil de Cidade de México. CONCELLO DE PONTEVEDRA

Pontevedra insiste en establecer e afianzar relacións con México. A concelleira de Cultura, Carme Fouces, está estes días na Feria Internacional del Libro Infantil y Juvenil de Cidade de México (Filij) mantendo reunións de traballo con fin de crear un programa conxunto co Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra.

Esta viaxe institucional comezou a xestionarse durante a misión comercial a México que lideraron, no mes de agosto, o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e a concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías. Daqueles primeiros contactos saíu tamén a posibilidade, agora confirmada, de que México fose país convidado do Salón de Pontevedra. O evento retoma así a idea de adicarlle parte das súas actividades a autores e libros doutro país, como fixo entre 2007 e 2009, cando se convidou a Brasil, Cuba e Portugal.

ENTRE ESCOLAS. "Ademais da intervención na Filij, Fouces mantivo distintas xuntanzas no Centro Cultural de España en México co fin de crear un programa de actividades conxunto para o Salón 2018 e establecer futuras propostas, partindo do libro e a lectura, de interrelación entre escolas de Pontevedra e as de Oaxaca e Cidade de México", indica o Concello, que destaca tamén que esta feira mexicana é dos eventos de literatura infantil e xuvenil máis importantes e concorridos de Latinoamérica. Segundo datos da organización, o ano pasado recibiu 422.000 visitas.

O Concello tamén informou onte de que Carme Fouces fixo unha intervención na Filij explicando que "os nenos e nenas ocupan, con pleno dereito, as rúas e prazas de Pontevedra, unha realidade que acredita a súa condición de cidade amiga da infancia". A concelleira falou do modelo de cidade e da súa relación coa infancia, "un proxecto que escoita e da importancia ás reivindicacións das crianzas en canto ás necesidades do seu ámbito vital".

Unha cidade para a infancia foi precisamente o lema baixo o que se desenvolveu a charla-debate impartida por Carme Fouces, no que era un evento "dirixido a institucións gobernamentais, asociacións civís e a diversos actores da cadea do libro infantil e xuvenil". A actividade foi organizada polo Ministerio de Cultura Mexicano en coordinación coa Cámara Nacional de la Industria Editorial Mexicana (Caniem).