miércoles. 29.09.2021 |
El tiempo
miércoles. 29.09.2021
El tiempo

Identifican a Illas, un dos golfiños do Lérez

Unha das fotos que permitiron identificar o arroás. MANUEL HERMIDA RIVAS
Aleta dorsal de Illas, a primeira vez que a fotografou o CEMMA, para o seu Catálogo de Fotoidentificación dos Arroaces de Galicia hai preto de dúas décadas. CEDIDA/CEMMA
A presenza de arroaces no Lérez é común según o CEMMA, aínda que non sempre son avistados. A foto realizada por un pontevedrés permite recoñecer a un dos visitantes desta semana

POLAS súas aletas coñecerédelos. A paráfrase coa frase evanxélica de San Mateo serve tamén para os arroaces e golfiños das rías galegas. Tanto é así que o sistema de fotografías que está a desenvolver o CEMMA (Coordinadora para o Estudio dos Mamíferos Mariños) en forma de catálogo visual permitiu poñerlle nome e apelidos a un dos que estes días foron avistados por numerosos veciños no río Lérez.

Trátase de Illas, un macho adulto de Tursiops truncatus que foi fotografado por primeira vez en 2003 na zona de Arousa e que, nesta ocasión, evidencia varios danos na aleta que indican que vén de pasar un ano "movido" en canto á súa vida social. O CEMMA chegou a esa conclusión tras ver as fotos achegadas polo pontevedrés Manuel Hermida, un dos que conseguiron tirar imaxes da última incursión dos golfiños no Lérez.

Cada aleta é como una pegada dactilar e permite identificar a un arroás e distinguilo dos seus conxéneres. O CEMMA ten 700 imaxes distintas e con elas leva identificado, con nome propio e outros datos, uns 150. De que serve isto? Pois, como explica Alfredo López, voceiro desta organización, é útil para ir entendendo o mundo destes mamíferos que, pese a estar en constante interacción coas rías galegas, son uns grandes descoñecidos.

Trátase dun adulto que frecuenta as Rías Baixas desde 2003

Alfredo desminte que sexa novidade que os arroaces veñan ao Lérez este ano. "É frecuente que se adentren, verán ou inverno, nos ríos, aínda que máis ben son xuvenís os que o fan ou femias, para liberarse da presión dos machos, posto que pola forma e as mareas, un río é un pouco unha trampa para eles". Lembra Alfredo que un par de anos atrás outra femia, Louri, quedou varada en Praceres ao confundir a saída cara a ría e tiveron que salvala as mariscadoras.

No caso de Illas, o extraño da súa visita é que un macho adulto se "refuxie" na zona tranquila do río, a onde non o vai seguir toda a manda. Estaría pelexado co seu grupo? Buscaría un respiro no fondo da ría á frenética actividade dos seus compañeiros? Iso, apunta Alfredo López "é imposible de saber, aínda que se podemos seguir observándoo, tal vez poidamos colocar máis pezas neste complicado puzle grazas á información que nos dá".

 

Identifican a Illas, un dos golfiños do Lérez
Comentarios
ç