Identifican a varios autores dos actos vandálicos contra a mostra Pontevedra Flúe

Algúns xa teñen unha denuncia penal pola que se enfrontan a unha multa de 30.000 euros
Torre derrubada onte 2-1
photo_camera Torre da exposición Pontevedra Flúe, instalada na Ponte do Burgo, derrubada na noite do sábado ao domingo. DP

Os actos vandálicos contra a exposición itinerante da estratexia Pontevedra Flúe, na Ponte do Burgo, estanse a converter nun hábito que se repite cada fin de semana. Así o denunciou o portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, quen lles lembra a "estes descerebrados que, lonxe de tratarse de simples gamberradas, estes actos de salvaxismo supoñen un ataque contra o patrimonio penado con substancias multas económicas e que en ningún caso vai quedar impune". 

Tal e como subliñou o socialista, ao tempo que a Policía Local xa investiga a autoría dos actos acaecidos durante a noite do sábado ao domingo, co completo derrubamento de dúas columnas de cubos, "o excelente traballo realizado polos axentes municipais xa lles está a pasar factura, literalmente, a varios dos supostos causantes: hai varios membros dun grupo de rapaces, con maiores de idade e algún menor, que ademais de destruír a exposición tamén queimaron contedores e que se enfrontan a unha denuncia penal nos Xulgados e a unha multa de 30.000 euros por danos e prexuízos; e outros dous maiores de idade que rebentaron unha torre e que arrastraron un cubo pola beirarrúa ata Pasarón, para os que xa se remitiu á Subdelegación do Goberno unha proposta de sanción administrativa de entre 600 e 3.000 euros cada un".


Puentes lémbralles aos vándalos que "todos estes atentados contra o patrimonio foron captados por diversas cámaras de vixilancia e mesmo hai quen foi tan avispado como para alardear da ‘gamberrada’ nas súas redes sociais".

Para o portavoz municipal do PSOE, a reiteración e inquina nos ataques contra esta mostra dificilmente pode ser explicada como un feito illado. "Só hai dúas opcións: ou esta mostra se converteu en obxecto de desexo por parte de todo canto salvaxe hai, ou quen está a perpetrar os ataques faino de xeito orquestrado e con instrucións moi concretas", subliñou o concelleiro, quen reiterou que "de calquera modo, a ningún deles lle vai saír gratis".

Comentarios