Cinco IES da cidade súmanse á campaña do galego que liou a Viggo Mortensen

Os IES A Xunqueira I e II, Valle Inclán, Sánchez Cantón e Luis Seoane participan en 'Aquí tamén se fala galego', que normaliza a utilización da lingua propia en negocios de Pontevedra
Fernando Pazos, á dereita, xunto con parte do alumnado implicado nesta campaña, no IES A Xunqueira I.  JAVIER CERVERA - MERCADILLO
photo_camera Fernando Pazos, á dereita, xunto con parte do alumnado implicado nesta campaña, no IES A Xunqueira I. JAVIER CERVERA - MERCADILLO

A iniciativa cultural e de dinamización lingüística do galego impulsada polo IES Rafael Dieste da Coruña hai uns meses tamén chegou, con grande éxito, a Pontevedra. Cinco institutos da cidade participan na campaña Aquí tamén se fala, que persegue animar a negocios de todo tipo a usar a lingua galega na atención ao público e que hai uns días sumou o apoio do famoso actor Viggo Mortensen. Un vídeo seu falando a lingua de Rosalía fíxose viral e suma milleiros de reproducións. É o propio estudantado o que se encarga de impulsar esta iniciativa e en cada cidade ou vila os carteis teñen unha cor característica. En Pontevedra é a granate.

Entre os máis de 160 centros educativos de ensino medio e FP implicados en toda Galicia hai cinco de Pontevedra (os IES A Xunqueira I e II, Sánchez Cantón, Valle Inclán e Luis Seoane), e outros da comarca (os IES de Poio, Cotobade, Soutomaior e Ponte Caldelas) e varios centros de Marín, Bueu, Caldas, Vilagarcía, Vilanova, Ribadumia, A Estrada ou Lalín.

No IES A Xunqueira I implicouse todo o estudantado de ESO nun proxecto coordinado polo departamento de Lingua Galega. "A campaña consiste en facer visible a lingua galega dende o punto de vista do comercio ou negocio: un dentista, unha notaría, un supermercado... Calquera lugar no que haxa atención ao público é susceptible de atender a esta campaña", explica o docente Fernando Pazos, quen coordinou a campaña neste instituto. "Parece que cando chegamos a un negocio estamos obrigados a cambiar de código. Eu na clase de Lingua explico que isto segue pasando". Cada estudante debe contactar con dous negocios e sacar unha foto co comerciante e o cartel. "É unha actividade moi sinxela". O obxectivo é que cada centro chegue a un cento de negocios e na Xunqueira I están a piques de cumprilo en pouco máis dun mes. Entre eles, moitos deles do barrio do Burgo, hai cafeterías, tendas de roupa, librerías, herboristerías, florerías, froiterías, bares, tendas agrícolas, supermercados, restaurantes, farmacias, salóns de peiteado ou de estética, academias, asesorías ou negocios de subministros industriais.

"No momento de explicar o que é a normalización lingüística apostamos por un traballo de carácter práctico", pois nos institutos da cidade, "dentro do seu círculo, nos corredores, no tempo de lecer, o galego non está moi presente. Se lles explicas unha cousa teórica na clase non lles chega igual que se o ven en primeira persoa", convertíndose en "axentes normalizadores".

A nivel lingüístico, "non se nota a diferenza" entre alumnado do centro urbano e do rural, apunta. "Pensan que as linguas son elementos uniformes, pero os contextos familiar, escolar, social, mediático, etcétera, son distintos. A transmisión lingüística facíase nas casas, pero cando a xente deixa de pensar en galego xa é un momento complicado para a lingua. Non é só saber falala como quen sabe pintar, é usala con normalidade, e aquí a presión de grupo é brutal en castelán".

Todo o mundo recoñece que "non hai ningún problema" en falar galego, pero, aínda así, a rapazada "está moi atenta" a, por exemplo, "non soltar unha gheada nun contexto distendido que poida xurdir na aula", pois os comentarios que poidan recibir "moitas veces, desaniman a falalo".

Comentarios