martes. 02.06.2020 |
El tiempo
martes. 02.06.2020
El tiempo

Os IES Frei Martín Sarmiento e Luís Seoane súmanse ao Club de Ciencias

Alumnado do IES Frei Martín Sarmiento traballando nun proxecto sobre alimentación. CEDIDA
Alumnado do IES Frei Martín Sarmiento traballando nun proxecto sobre alimentación. CEDIDA
Os institutos Sánchez Cantón e A Xunqueira II e o CEIP San Martiño continúan no programa de innovación educativa impulsado pola Xunta

O mundo da ciencia segue sumando adeptos en Pontevedra. Os IES Frei Martín Sarmiento e Luís Seoane son as últimas incorporacións ao Club de Ciencias, un programa de innovación educativa impulsado pola Consellería de Educación no que xa estaban adheridos, desde cursos anteriores, os IES Sánchez Cantón e A Xunqueira II e tamén o CEIP San Martiño.

Estes clubs fundaméntanse nunha metodoloxía baseada na indagación e a aprendizaxe colaborativa, na que o alumnado adquire coñecemento mediante un método activo, propón as súas propias cuestións e resolve problemas, todo elo fóra do horario lectivo. A Consellería entende que é necesario captar o interese do estudantado, destacar a importancia e a utilidade do que se aprende para resolver problemas nun futuro inmediato e afianzar vocacións.

Así mesmo, ten o obxectivo de impulsar as vocacións STEM, especialmente entre as rapazas. Neste sentido, o Club de Ciencias proporciona un escenario propicio para desenvolver estratexias metodolóxicas que promovan capacidades, coñecementos e técnicas, a través dunha invitación ao descubrimento, que aumenten o interese dos participantes por saber máis sobre diversos campos da ciencia e a súa aplicación á tecnoloxía. Cada centro recibe unha achega económica de 1.250 euros para poñer en marcha o club.

ADN E ALIMENTOS. Uns 40 alumnos de 4º da ESO e 1º de Bacharelato forman o Club de Ciencias do IES Frei Martín Sarmiento, coordinados pola docente Chus Doval. Están desenvolvendo tres proxectos, un sobre alimentación ("etiquetado, composición dos alimentos, graxas trans...", explica); outro sobre o ADN ("faremos unha maqueta, un monográfico sobre as persoas relacionadas co seu descubrimento, a súa estrutura...") e un terceiro sobre a contaminación e o cambio climático. Neste farán prácticas sobre a reciclaxe, como a elaboración de xabrón ou pasta de dentes; experimentarán co efecto invernadoiro ou medirán as emisións de CO2 dos coches para ver os efectos do cambio climático.

Así mesmo, conmemorarán o Día da Muller na Ciencia, o do ADN e o do Medio Ambiente, ademais de realizar algún roteiro. "Tamén estamos moi abertos aque os nenos nos vaian propoñendo, sempre que sexa factible, como pode ser "a elaboración de bioplásticos a partir do almidón".

TALLER NO CONGRESO UNESCO

O IES Luís Seoane participou nun taller no congreso da Unesco. CEDIDA
O IES Luís Seoane participou nun taller no congreso da Unesco. CEDIDA
 

No Club de Ciencias do IES Luís Seoane participan uns 25 alumnos de 1º e º2 da ESO, segundo explicou a docente coordinadora, Isabel Panadero. O proxecto no que están traballando na actualidade aborda as ilusións ópticas ou como "o cerebro nos engana".

Así, construíron pequenos xoguetes, como trompos con material de refugallo que ao xirar permiten contemplar un debuxo que é unha ilusión óptica, ou unha roda boomerang, apunta.

Os experimentos saíron do instituto o pasado 14 de novembro, xa que o estudantado protagonizou un taller no congreso de escolas asociadas á Unesco celebrado no Pazo da Cultura, no que participaron escolares de Alcoi (Alicante) e Oeiras (Portugal).

Os IES Frei Martín Sarmiento e Luís Seoane súmanse ao Club de Ciencias
Comentarios