O IES Frei Martín Sarmiento propón un escape room para dar a coñecer o centro

O instituto organiza unha orixinal xornada de portas abertas para o vindeiro martes ►Un grupo de estudantes guiará ás familias polo edificio cun programa de realidade aumentada
O grupo de estudantes de TICS que elaborou o proxecto de realidade aumentada. GONZALO GARCÍA
photo_camera O grupo de estudantes de TICS que elaborou o proxecto de realidade aumentada. GONZALO GARCÍA

Realidade aumentada para coñecer todos os recunchos do IES Frei Martín Sarmiento. Ese é o obxectivo do escape room que terá lugar o vindeiro martes, 11 de febreiro, ás 19.30 horas, no instituto da avenida de Vigo. "En lugar de facer de facer unha xornada de portas abertas típica, na que ensinamos os distintos espazos ás familias, este ano decidimos aplicar unha idea que trouxemos de Benavente co programa ObservAcción, que é o ver o centro a través dun escape room", explica o director, David Alvariño.

Non só se trata de "pór en valor todo o que facemos no centro", senón que o propio alumnado participa no proceso. Unha vintena de estudantes de 4º da ESO e de 1º e 2º de Bacharelato que teñen a matería de Tecnoloxías da Información (TICS) "elaboraron os marcadores ou solucións para cando os pais resolven as probas e tamén farán de guías dos grupos de familias que veñan ao centro a xogar neste escape room".

"Hai que ir resolvendo unha serie de enigmas que te van levando ás diferentes aulas e a través da ralidade aumentada ves a actividade de cada espazo -explica un dos rapaces-. Por exemplo, na biblioteca verías nenos xogando ao xadrez, outros lendo ou no ordenador...".

Cada estudante guiará a un grupo de pais e nais, levando unha tablet na que se enfocarán os marcadores e se verán os vídeos, duns 25 segundos. "Temos oito pistas", unha por parada, apunta Alvariño. "Unha delas non leva realidade aumentada, porque é o pavillón, que vai estar activo a esa hora.

O centro ten en marcha unha campaña en Facebook e Instagram para promocionar a iniciativa. "Poderían vir case 400 persoas", engade o director. Entre os tres colexios adscritos (os CEIP Vilaverde, Marcón e Príncipe Felipe, este compartido co IES Luís Seoane) suman uns 80 ou 90 posibles futuros alumnos en 1º de ESO para o vindeiro curso. "Agora mesmo en cada un dos primeiros temos entre 26 e 29 alumnos, somos de liña 3", sinala.

"Queremos poñer en valor o que facemos"
O director do centro admite que non teñen problemas de matrícula, "pero decatámonos de que facemos unha morea de cousas que ás veces non teñen visibilidade fóra" polo que "queremos pór en valor o que facemos" e de aí a importancia dunha xornada de portas abertas agora que é tempo de solicitar praza para o vindeiro curso.

O IES Frei Martín Sarmiento, situado no número 23 da avenida de Vigo, imparte ESO, Bacharelato (Artes, Ciencias, Humanidades e Ciencias Sociais) e ciclos formativos (familias de mecanizado, electricidade, imaxe persoal e sanitaria), ademais da FP básica de fabricación mecánica e montaxe.

Está adherido a varios programas de mellora de bibliotecas, Edixgal, Cuale, Titoría entre iguais, contratos programa ou proxectos de innovación de FP.

Comentarios