jueves. 02.04.2020 |
El tiempo
jueves. 02.04.2020
El tiempo

O IES Luís Seoane gaña o Premio pola Igualdade Carmen López-Cortón

Cintia Leins, Carlos García, Henar Rodríguez, Pablo Abilleira, Carmen Mayán, Ariela Peliquín e María Xosé Dourado na biblioteca do centro. C.G.
Cintia Leins, Carlos García, Henar Rodríguez, Pablo Abilleira, Carmen Mayán, Ariela Peliquín e María Xosé Dourado na biblioteca do centro. C.G.
O centro desenvolve un proyecto coeducativo interdisciplinar co galardón, dotado con 5.000 euros

Un cuarto propio, en casa compartida. Restaurando vínculos desde a educación é o nome do proxecto que, con guiño incluído á famosa obra de Virginia Woolf, lle valeu ao IES Luís Seoane o primeiro posto na súa categoría no I Premio pola Igualdade Carmen López-Cortón, convocado pola Consellería de Educación.

Trátase dun proxecto coeducativo interdisciplinar que implica a unha ducia de docentes e a practicamente todo o alumnado e que serve para cohesionar todas as accións de fomento da igualdade que o instituto de Monte Porreiro ten desde hai anos como un dos piares. Así mesmo, grazas a este galardón, dotado con 5.000 euros, poderá desenvolver dun xeito máis profesional as súas accións e plasmalas para que lles sirvan de guía a vindeiras promocións e mesmo para outros centros educativos.

O obxectivo é visibilizar a mulleres ninguneadas na historia e nos libros de texto a través do traballo en distintas disciplinas

"Vimos que encaixaba co tipo de traballo que facemos no centro e que podía servir para ampliar o traballo en igualdade", explica a coordinadora do proxecto, Carmen Rodríguez Mayán. Despois de anos traballando con grupos de alumnado, coa comunidade educativa e co contorno, "queriamos ampliar as disciplinas desde as que se traballa dentro da aula".

"Buscamos atopar o espazo propio das mulleres invisibilizadas en distintas materias desde o punto de vista académico", que non aparecen nos curriculums nin nos libros de texto, "e explicar ao alumnado por que ese cuarto está tan escuro, cales son os motivos que explican esa invisibilización ao longo da historia". Deste xeito, utilizan a metáfora dunha casa que ha de ser reformada e despoxada de estereotipos de xénero. O primeiro punto será a ubicación, estudando as orixes das sociedades patriarcais, e o segundo, a cimentación, desvelando a orixe dos estereotipos sociais que nada teñen que ver coa bioloxía. En terceiro lugar están os muros e os soportes, onde se plantexa o proxecto visibilizando a "participación real" das mulleres na historia, nas artes, na ciencia, na literatura, no poder político e na actividade económica, ademais de subliñar as dificultades coas que se atoparon.

A casa complétase con elementos decorativos (manifestacións estéticas da desigualdade, análises de obras plásticas ou literarias que representan un mundo desigual) e cubertas, un teito a dúas aguas, "máxima expresión do equilibrio e a xustiza".

TRES FASES. O proxecto estrutúrase en tres fases: o traballo de contidos na aula nas distintas materias implicadas (Historia, Coeducación, Matemáticas, Filosofía, Arte, Literatura Galega, Economía... en ESO e Bacharelato e tamén nos ámbitos científicos e lingüísticos na FP básica); a elaboración de materiais gráficos deses contidos, con vídeos explicativos e presentacións por parte do alumnado, e a compilación e cohesión deses materiais, así como a súa difusión a través das redes sociais e unha web "na que se poida descargar o material e contar cun catálogo de contidos que sirvan para a aula e para fóra". Ao igual que co grupo de de igualdade N eoFem, explica Mayán, "buscamos facer actividades transformadoras que inflúan no contorno".

Cintia Leins, alumna de 2º de Bacharelato, explica que, en Filosofía, por exemplo, están estudando a muller dentro do ámbito masculino da antiga Grecia. En Lingua Castelá "empezamos a estudar algunha autora, da que se eliminou moito material por machismo e que mesmo foron asasinadas por poñer os seus ideais en papel". Afirma que "non é que nos libros de texto falten mulleres, é que non as hai. Estamos facendo un traballo complementario". Pablo Abilleira, compañeiro de curso, apunta que "existe esa invisibilización y hay que destaparla. Es un trabajo de investigación incluso para la profesora, porque hay nombres que ni ella conocía", caso das Sin Sombrero da Xeración do 27. "Onde están? Claro que eran importantes". A Literatura Galega, tercia a docente María Xosé Dourado, leva vantaxe neste eido, grazas á voz feminina das cantigas de amigo ou á propia Rosalía de Castro.

Mayán subliña que estas mulleres ninguneadas na historia, nos libros de texto e nas aulas, non deben ser reducidas a unhas páxinas anexas ao final dos manuais, "ese apartado que queda sen dar. Non son anécdota, son o eixo vertebral". Desde Artemisia Gentileschi a Frida Khalo, pasando por Maruja Mallo, Camile Claudel, Clara Campoamor ou Mary Wollstonecraft, todas elas sairán dese "pouso de esquecemento".

Leins destaca que, ao igual que ocorre con NeoFem, queren inspirar co seu traballo. "Traballamos moi duro por estes premios e son os nosos grans de area para mover montañas, senón non avanzamos. Primeiro aquí, logo en Monte Porreiro, Pontevedra e onde faga falta".

"A xuventude ten moitas relacións tóxicas"
Ariela Peliquín imparte Ciencias Aplicadas en FP básica e este curso está "desenvolvendo unhas aulas totalmente coeducativas", subliña Mayán, "facendo que grupos estean implicándose e transformándose" xunto ao profesorado doutras materias. A perspectiva feminista é fundamental, destaca Peliquín. "Temos unha xuventude que ten moitas relacións tóxicas e ve normal que lle controlen o Instagram, por exemplo. Ás veces desmontar isto provoca certa crispación pero vanse xerando cambios". Por iso destaca a importancia de "dar formación, porque información atópase en calquera lado".

Deste xeito, as relacións satisfactorias fan xente máis feliz e iso tradúcese tamén no ámbito académico. "De 18 alumnos promocionaron 17 na FP básica".

O IES Luís Seoane gaña o Premio pola Igualdade Carmen López-Cortón
Comentarios