O IES Torrente Ballester celebrará un acto na honra de María Victoria Moreno con Casalderrey e Freixanes

O centro, no que a autora homenaxeada o Día das Letras traballou nove anos e ao que doou parte da súa biblioteca, editará un conto inédito seu ► A cita será o 4 de abril

María Victoria Moreno. ARCHIVO
photo_camera María Victoria Moreno. ARCHIVO

O IES Torrente Ballester realizaralle unha homenaxe a María Victoria Moreno, a autora á que este ano se lle adica ó Día das Letras Galegas, en forma de acto académico. Terá lugar o 4 de abril (17.00 horas) no propio centro e nel participarán o actual presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor Fernández Freixanes, o seu antecesor no cargo, Xesús Alonso Montero, a académica Fina Casalderrey e o tradutor Xavier Senín.

Ademais, o instituto, no que Moreno traballou entre 1993 e 2002 e ao que doou parte da súa biblioteca, aproveitará a homanexe para proxectar un traballo audiovisual sobre escritora, realizado por un dos seus exalumnos, Gaspar Broullón, e para presentar un conto inédito da literata, que se encargaron e ilustrar e editar no propio Torrente Ballester, e que despois se distribuirá polos colexios de Pontevedra.

A pegada tan importante de María Victoria Moreno neste instituto, a relación que mantivo cos alumnos e cos mestres, levounos a deseñar unha programación de homenaxe, á que lle poñeremos o ramo con este acto

"A pegada tan importante de María Victoria Moreno neste instituto, a relación que mantivo cos alumnos e cos mestres, levounos a deseñar unha programación de homenaxe, á que lle poñeremos o ramo con este acto", sinalou este martes o director do IES Torrente Ballester, David Castro, que presentou a homenaxe acompañado polo concelleiro de Normalización Lingüística, Alberto Oubiña.  

BIBLIOTECA. David Castro tamén falou sobre o atraso que está a sufrir a apertura ao público xeral da biblioteca do IES Torrente Ballester, un proxecto que parecía que se desenvolvería durante este curso aproveitando que se lle adicaba á autora o 17 de maio. "Gustaríanos lembrar que nós, como instituto de Secundaria, dependemos da Consellería de Educación", comentou o director.

Aínda así, a total disposición do Concello para sacar adiante o proxecto de abrir ao público a nosa biblioteca animounos a intentalo

"Aínda así, a total disposición do Concello a sacar adiante o proxecto de abrir ao público a nosa biblioteca animounos a intentalo. Tiñamos que facelo a través da Asociación de Nais e Pais de Alumnos (Anpa), que debería solicitar unha subvención ao Concello e grazas a iso poderiamos dispoñer dunha persoa que atendese este espazo polas tardes". O problema xurdiu ao coincidir, segundo explicou Castro, cun periodo de "transición" na Anpa que a levou a deixar de funcionar. "Pero agardamos que antes de fin de curso poidamos conseguilo". A biblioteca do IES Torrente Ballester, que leva o nome de María Victoria Moreno, acolle tamén boa parte da biblioteca da autora.

Comentarios