250 alumnos do IES Valle-Inclán estrean o luns as primeiras nove aulas remodeladas

Un terzo do proxecto de rehabilitación do instituto está xa executado e a vindeira semana arrinca a segunda fase cos traballos noutras nove aulas e co desamiantado da cuberta ► O conselleiro de Educación visitou este venres o centro
photo_camera Arredor de 250 alumnos do IES Valle Inclán de Pontevedra poderán estrear o luns as primeiras nove aulas xa reformadas. VÍDEO: DAVID FREIRE

Fin da primeira fase da remodelación do IES Valle-Inclán de Pontevedra. Arredor de 250 alumnos poderán estrear o luns as primeiras nove aulas xa reformadas. Así o confirmou este venres o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, durante unha visita ao centro educativo, no que asegurou que, "salvo algún pequeno axuste pola meteoroloxía", están a cumprirse os prazos previstos na comisión de seguimento e a actividade educativa segue con normalidade.

Visita do conselleiro de Educación, Ciencia e Universidades, Román Rodríguez, ao IES Valle-Inclán. DAVID FREIRE
Visita do conselleiro de Educación, Ciencia e Universidades, Román Rodríguez, ao IES Valle-Inclán. DAVID FREIRE

 

Rodríguez percorreu a zona do edificio na que se están a realizar os traballos e comprobou o estado das aulas que a vindeira semana xa acollerán o alumnado de Secundaria.

Román Rodríguez, conselleiro de Educación
"Temos algunhas catedrais educativas espalladas polas cidades galegas e o IES Vallé Inclán sen dúbida é unha delas"

"Hoxe remata a primeira fase; isto significa que temos nove aulas, xunto co ximnasio e os aseos, xa acondicionadas. Esta tarde traen o mobiliario e o luns poderanse estrear as novas aulas xa remodeladas para desenvolver a actividade educativa normal", manifestou o conselleiro.

Un momento da visita do concelleiro Román Rodríguez ao IES Valle-Inclán. DAVID FREIRE
Un momento da visita do concelleiro Román Rodríguez ao IES Valle-Inclán. DAVID FREIRE

Para dar conta da magnitude do proxecto de rehabilitación do IES Valle-Inclán, o conselleiro fixo fincapé nas ventás. "Hai 326 ventás de 33 tipoloxías diferentes", subliñou. "Ventás que hai que facer ad hoc, e que son de madeira de castiñeiro, de altísima calidade e que iso demostra que o proxecto é acorde coas características históricas do edificio". Román Rodríguez recalcó que a obra recupera o deseño e a cor orixinal das ventás do edificio "co cal vai realzarse aínda máis a simboloxía que ten este edificio na cidade", engadiu.“Temos algunhas catedrais educativas espalladas polas cidade sgalegas e o IES Vallé Inclán sen dúbida é unha delas".

Bota a andar a segunda fase

Asímesmo, o conselleiro anunciou que a semana que vén tamén bota a andar a segunda fase dos traballos, que inclúe a actuación noutras nove aulas do instituto.

"O alumnado destas nove aulas que se baleiran pasan as que están remodeladas. O que se fai nelas é o mesmo: reforzar os forxados, acabados interiores, falsos teitos, iluminación nova, acondicionamento.... ", explicou a directora da obra e xefa da unidade técnica de Pontevedra, Rosa Soñora. O obxectivo é que durante o verán se acometa a fase terceira dos traballos e que "en setembro estean todas as aulas acondicionadas", o que suporía que non serían necesarias as aulas móbiles exteriores.

Román Rodriguez supervisa os traballos. DAVID FREIRE
Román Rodriguez supervisa os traballos. DAVID FREIRE



Esta segunda fase inclúe o desamiantado da cuberta que se demorou a causa do mal tempo dos últimos meses. “Empezouse a retirar a tella, coa previsión meteorolóxica do inverno foi imposible empezar antes”, destacou a directora da obra. A técnica explicou que a semana que vén retirarase o primeiro amiantado da cuberta para empezar a continuación "cos faldóns a facer unha nova cuberta. O máis reocmendable é que vaia continuo para que sexa unha solución ben resolta", destacou Rosa Soñora.

As aulas móbiles, "un grande acerto"

Sobre estas, o director do instituto, Daniel Mejuto, considera que "foron un grande acerto". O responsable do centro educativo confesou ante o conselleiro que "ao principio tiña as miñas dúbidas", porén o alumnado "está satisfeito". Daniel Mejuto sinalou que durante o inverno houbo "pequenos problemas polas chuvias, en xeral a actividade desenvolveuse con normalidade". Ata o punto, de que "houbo momentos en que no interior do edificio facía bastante frío porque os suministros para a calefacción non ían todo o ben que tiñan que ir e houbo reunións que fixemos nas aulas exteriores porque se estaba mellor".   

Na visita ao IES Valle-Inclán, o titular de Educación estivo acompañado do xefe territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera; do delegado provincial de Educación, César Pérez Ares; os concelleiros do Partido Popular Beatriz Rey e Gerardo Pérez Puga, así como de técnicos e representantes da empresa que executa as obras, Construcciones Ramírez.

Comentarios