O IES Xulián Magariños de Negreira gaña o Club de Debate

O IES Luís Seoane de Pontevedra queda a un paso de alzarse co primeiro premio

O Pazo da Cultura acolleu a final do Club de Debate. GONZALO GARCÍA
photo_camera O Pazo da Cultura acolleu a final do Club de Debate. GONZALO GARCÍA

O xurado tivo que deliberar un bo anaco, pero finalmente acabou coronando onte aos mozos do IES Xulián Magariños de Negreira como gañadores da edición deste ano do Club de Debate. Os mozos do IES Luís Seoane, os únicos representantes de Pontevedra, quedaron a un paso de alcanzar o título, nunha competición moi reñida na que se escoitaron centos de argumentos a favor e en contra do tema protagonista: "Falamos na lingua que escollemos?".

O certame contou coa participación de preto de cen mozos de 3º e 4º da ESO e de 1º de Bacharelato do instituto pontevedrés, o centro de Negreira, o IES Mendiño de Redondela, o CPI Eusebio Lorenzo Baleirón de Dodro, o IES de Ames e o IES Milladoiro. Todos eles tiveron que tirar de hemeroteca e inxenio para elaborar cadanseu argumentario e, o máis complicado, para facelo en versións opostas. Os rapaces do IES Luís Seoane subiron á palestra ás 10.50 horas para debater fronte ao equipo Vagalume do IES Milladoiro. Lucía e Diego foron os encargados de defender unha primeira versión conforme a que os mozos galegos son plenamente libres para usar o galego "en todos os ámbitos". "O galego está en crise por pura e dura deixadez, porque agora non existe a represión de tempos pasados (...) Estamos nun país que padece o autoodio en moitos sectores, pero xa é tempo de superalo (...) Deixemos os choromiqueos. Podemos falar na lingua que queiramos", señaló Lucía. "O máis efectivo para prestixiar un idioma é falalo. (...). Falemos galego. Se non o entenden, que fagan por aprendelo", indicou Diego nas quendas de refutación.

O edil Alberto Oubiña foi o encargado de entregar aos gañadores o primeiro premio, consistente nunha viaxe de fin de semana.

Comentarios