O IES A Xunqueira II arrasa en Pontenciencia

O instituto levou tres dos catro premios patrocinados polas empresas con 300 euros e o cuarto foi para o IES Sánchez Cantón▶ Os CEIP San Martiño e Marcón e o Sagrado Corazón, primeiros en Primaria

Entrega dos premios Ponteciencia. RAFA FARIÑA
photo_camera Entrega dos premios Ponteciencia. RAFA FARIÑA

Foi unha auténtica sorpresa. Alomenos para os propios premiados, porque os representantes do IES A Xunqueira II recollían os seus postos na Facultade de Ciencias Sociais, sen moitas esperanzas, minutos antes de que se coñecera o fallo do xurado. E iso que presentaron cinco das once investigacións.

Entrega dos premios Ponteciencia. RAFA FARIÑAOs premios patrocinados por catro empresas pontevedresas con 300 euros cada un para Xoves Investigadores foron a gran novidade desta quinta edición de Pontenciencia, que este sábado rematou cun grande éxito. Pontev3DRAMusical (Alberto Omil, Guillermo Fernández e Sara Serén, de 1º de BAC) quedou en primeiro lugar con 91,7 puntos. Farolas solares, unha idea de Nuria Sueiro, Sandra García e Sara Van Dinter, do IES Sánchez Cantón, que xa triunfara en Londres, foi segundo con 87,1 puntos. Os outros dous tamén recaeron en alumnos de 2º e 3º de ESO da Xunqueira II: RuidoVsMusica e Play MusicApp, con 77 e 75 puntos. As empresas son Cristalería Pontevedresa, Hifas da Terra, Orbalo e Setga.

PARTICIPACIÓN. Á hora de entregar premios e accésits, destacouse que o importante é a participación e que todos son gañadores, aínda que o xurado ordeou os once candidatos ao seu xeito. No apartado de Ciencia no Cole, as puntuacións estiveron moi igualadas, entre os 97 puntos do CEIP San Martiño coa investigación Por que voan os avións? aos 77 do CEIP Froebel con A descomposición das follas. En segundo e terceiro lugar quedaron o CPR Sagrado Corazón co proxecto Froita batida ou froita sólida? e o CEIP Marcón con Mulleres embarazadas.

Entrega dos premios Ponteciencia. RAFA FARIÑADespois de que o alumnado de Primaria presentase as súas investigacións o venres, este sábado foi a quenda das familias, na Escola de Enxeñería Forestal. Foron 13 participantes e as puntuacións oscilaron entre os 98 e os 51 puntos. Os tres primeiros postos foron para as familias Budiño Rodríguez, co proxecto Proporción ou non proporción, esa é a cuestión; Pintos Castiñeiras con A lei da estabilidade das frecuencias e outras curiosidades matemáticas, e Rial Vidal, con Pendentes.

No acto de entrega de premios participaron o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, que se mostrou "abraiado de que un neno pequeno me explique como voa un avión"; a concelleira de Educación, Carme Fouces; o vicerreitor en funcións do campus de Pontevedra, Juan Manuel Corbacho, e un representante da Fanpa, Ángel Sánchez.

Comentarios