O IES A Xunqueira II volve facer pleno coas sete liñas dos contratos-programa

Os plans dirixidos á mellora do éxito escolar chegan a 248 colexios e institutos da provincia, 19 deles no municipio de Pontevedra ▶ As cifras medraron respecto ao curso anterior (212 e 16)

Juan Carlos Pérez Mestre no vestíbulo do instituto. DAVID FREIRE
photo_camera Juan Carlos Pérez Mestre no vestíbulo do instituto. DAVID FREIRE

O IES A Xunqueira II é, xunto co IES Valadares de Vigo, o único centro educativo da provincia (en Galicia só hai outros dous, en Guntín e Monforte, Lugo) que fai pleno ao serlle concedidas as sete liñas dos contratos-programa da Xunta. É o segundo curso consecutivo que o logra. "Empezamos no 2015-2016 con tres e ao curso seguinte conseguimos seis, que era o máximo daquela. No 2017-2018 xa tivemos os sete e este repetimos", subliña o director do instituto pontevedrés, Juan Carlos Pérez Mestre.

A resolución da Consellería data do pasado 1 de febreiro. Na provincia son 248 as escolas, colexios e institutos de Infantil, Primaria, Secundaria e FP adheridos a estes plans, dirixidos á mellora do éxito escolar en centros públicos.

Na provicia son 248 os adheridos -fronte aos 212 do curso pasado-, 19 deles no municipio de Pontevedra, tres máis que o ano anterior. As novas incorporacións son o CEIP Príncipe Felipe (cunha liña), o CIFP A Xunqueira (2) e o CEE Pontevedra (2). Continúan coa iniciativa os CEIP Parada-Campañó (4), A Xunqueira I (1), San Benito de Lérez (3), Vilaverde-Mourente (2), Álvarez Limeses (1), Manuel Vidal Portela (1), Praza de Barcelos (1), Santo André de Xeve (3), Marcos da Portela (2) e CEIP de Cabanas (3). Os IES que tamén participan, ademais da Xunqueira II, son o Sánchez Cantón (29), Valle-Inclán (4), Frei Martín Sarmiento (3), A Xunqueira I (6) e Luís Seoane (4).

Esta iniciativa trata de constituír un instrumento de apoio aos centros para que, dentro da súa autonomía, poidan desenvolver un plan de mellora para potenciar, en función das necesidades detectadas, o desenvolvemento das competencias clave, especialmente a matemática; mellorar a convivencia, promover a igualdade de xénero, afondar no logro da excelencia educativa e reducir as taxas de abandono escolar temperá, así como proporcionar atención educativa para a compensación de igualdades na educación. "En definitiva -explica a Consellería-, o fin último é lograr unha educación de calidade para todo o alumnado, desenvolver o máximo posible as súas potencialidades e, xa que logo, contribuír á mellora da calidade do sistema educativo de Galicia".

A primeira liña de actuación, que implementarán 15 dos 19 centros do municipio, é a de reforzo, orientación e apoio (PROA), un modelo de clases particulares no propio centro fóra do horario lectivo.

RECURSOS LIMITADOS. "É o programa que máis actuacións abrangue no instituto", explica Pérez Mestre respecto ao IES A Xunqueira II. "É o que implica ao maior volume de alumnado e para o que a Consellería nos facilita máis medios económicos e humanos. A un centro como o noso, sen FP e con recursos máis limitados, dános a vida".

Grazas a poñer en marcha estas actividades, moitas delas en horario vespertino, "refórzansenos as liñas de transporte escolar". Así, lembra que un dos obxectivos do seu proxecto como director era dinamizar as actividades polas tardes para favorecer a conciliación familiar e laboral. O alumnado que queda polas tardes fai uso do comedor na cafetería no centro, dinamizando este servizo. Ademais de poder volver á casa en autobús, polas tardes tamén hai outros proxectos, como o Espazo Maker ou as clases de Francés.

Os contratos-programa implican a todo o alumnado do instituto, xa sexa nunha liña ou en varias. "En Excelencia, por exemplo, abranguemos a todo o estudantado coa Semana da Música, ao igual que as de absentismo ou mediación e igualdade".

Portas abertas. "Queremos que vexan o noso valor engadido"
O director do IES A Xunqueira II admite que o balance positivo dos cursos anteriores inflúe en que a Consellería volvera concederlles as sete liñas, pero a valoración ten outros baremos.

"No PROA, por exemplo, tes 40 rapaces. O obxectivo é que aproben a materia ou melloren os seus resultados. Eu sempre digo o mesmo: aínda que só consigas que un ou cinco rapaces acade ese obxectivo, para min xa é un éxito. Hai que pensar en persoas, non en datos". En moitos casos, ademais, os beneficiarios pertencen a familias "que non poden pagar unhas clases particulares polas tardes ou non poden atender aos rapaces por cuestións familiares".

Captar alumnado
Os contratos-programa forman parte, xunto ao Plan Piteas ou os plans Proxecta, do "valor engadido" deste instituto.

Para amosar as instalacións e tratar de captar alumnado (ten dous CEIP adscritos, o Vidal Portela e o Xunqueira II), organiza unha xornada de portas abertas para o vindeiro 20 de febreiro. As 120 prazas de 1º da ESO non se cubrirían con estes dous centros.

Comentarios