Igualdade fomenta o empoderamento cunha nova edición de ‘Namórate de Ti’

A iniciativa está especialmente dirixida a mulleres desempregadas, que precisan volver confiar en si mesmas
Acto de presentación de 'Namórate de ti'.DP
photo_camera Acto de presentación de 'Namórate de ti'.DP

Fomentar o empoderamento feminino e a autoestima a través da fotografía, así como a plena liberdade de pensamento e expresión, son algúns dos principais obxectivos cos que as concellerías de Igualdade e Promoción Económica, xunto co Centro de Información á Muller (CIM), volven impulsar este ano unha nova edición do proxecto Namórate de Ti.

Os talleres desenvolveranse de xeito gratuíto na Casa Azul os días 6, 7, 13 e 14 de outubro, en horario de 10.00 a 13.00 horas, e serán impartidos pola animadora sociocultural Tegra Gómez e a fotógrafa e creativa Patricia Maquieira.

A concelleira de Igualdade e de Promoción Económica, Yoya Blanco, explica que, ao igual que o ano pasado, "a iniciativa está especialmente dirixida a mulleres desempregadas, que precisan volver confiar en si mesmas, en situación de vulnerabilidade, vítimas de violencia de xénero ou en risco de exclusión social. Con estes obradoiros buscamos que as mulleres aprendan a quererse e a valorarse a si mesmas utilizando a imaxe e a fotografía como ferramenta, axudándolles a reforzar a súa autoestima e autoconcepto e promovendo a súa unión social e cooperación grupal". Ao longo de catro xornadasdesenvolveranse sesións de autocoñecemento, con exercicios para aumentar o empoderamento e a autoestima e aprender a autoxestionar o control do estrés a través da expresión corporal, verbal e escrita, incluíndo dinámicas de grupo, vídeos motivacionais e sesións fotográficas da posta en escena das mulleres. Os talleres de Namórate de Ti. Autoestima e empoderamento a través da fotografía terán o seu colofón, como na edición anterior, cunha exposición fotográfica en escaparates.

Comentarios