A II Festa das Cunchas rende homenaxe ao CIFP Carlos Oroza

O centro recibiu o premio Loureiro de Ouro polos seus 26 anos de traxectoria

 

Momento no que se entregou o premio Loureiro de Ouro. CEDIDA
photo_camera Momento no que se entregou o premio Loureiro de Ouro. CEDIDA

A edición deste ano da Festa das Cunchas concedeulle ao CIFP Carlos Oroza o Loureiro de Ouro. O director do centro educativo, Manuel Hermo, recolleu o galardón de mans do chef do restaurante El Cafetín, Rubén González Vallejo, ex alumno e flamante gañador da Batalla das Cunchas 2022, nun acto presidido pola concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco e que contou coa presenza da vicedirectora do CIFP, Pilar Tallón, e do edil de Benestar Social, Marcos Rey.

Blanco sinalou na entrega do galardón que para ela "era fundamental que este ano recibira o premio Loureiro de Ouro o Centro Integrado de Formación Profesional Carlos Oroza". Entre outras cousas xustificouno debido ao seu traballo na formación de tantas xeracións e pola contribución que fixo na profesionalización do sector. Para Vallejo foi un orgullo poder entregarlle esta distinción ao CIFP: "É un premio moi merecido".

Alumnado do Carlos Oroza.
Alumnado do Carlos Oroza. EP

Hermo amosouse notablemente emocionado por recibir esta homenaxe, admitindo que "desde que anunciaron que nos ían entregar o premio, esta semana foi toda de ledicia". Tamén sinalou que este recoñecemento é moi importante para eles e reforza o labor educativo que levan desenvolvendo dende máis de dúas décadas. O CIFP conta con ex alumnos emprendedores que comezan negocios tanto en Pontevedra como fóra da cidade, incluso a nivel internacional.

A concelleira tamén explicou que sen o centro sería moi complicado "levar adiante esta carreira de fondo" que hai en marcha para que Pontevedra sexa Capital Española de Gastronomía no 2023. Para isto último di que é importante o apoio da cidadanía pontevedresa "queremos que o xurado vexa que non só temos respaldo institucional e empresarial, senón da propia cidadanía, que considera que Pontevedra debe ser capital gastronómica". A cidade vencedora darase a coñecer o 16 de novembro.

O CIFP Carlos Oroza convértese deste xeito na segunda entidade en recibir o premio Loureiro de Ouro, que na súa primeira edición recaeu no Gremio de Mareantes, en representación do barrio da Moureira.