A II Xornada TurisTIC da Deputación apela á "suma de sinerxías públicas e privadas"

A cita congregou a expertos de distintos puntos do Estado para falar de "turismo intelixente" e de como aproveitar as novas tecnoloxías

Marta Iglesias, Carmela Pereira, Xoel Vázquez e Sonia Torres, no foro sobre turismo intelixente. CEDIDA
photo_camera Marta Iglesias, Carmela Pereira, Xoel Vázquez e Sonia Torres, no foro sobre turismo intelixente. CEDIDA

As II Xornadas TurisTIC da Deputación congregaron este mércores a máis de 200 persoas para escoitar a expertos procedentes de todo o Estado especializados no eido da xestión turística intelixente dos destinos. A presidenta provincial, Carmela Silva, que interveu na mesa redonda A colaboración público-privada dos DTI xunto a David Regades, delegado da Zona Franca de Vigo; Fernando Fraile, director xeral do ICTE, e Javier Yagüe, responsable do Sistema de Xestión TIC no aeroporto de Vigo, fixo fincapé na importancia dun compromiso entre a Administración pública e o sector público e privado, en sumar sinerxías e en apostar polas TIC no turismo. "As administracións temos que ser referencias do cambio e as TIC son os grandes instrumentos para que o noso país non siga neste proceso de despoboamento", asegurou.

Silva tamén incidiu na necesidade de seguir apostando polo aeroporto de Vigo; polo turismo "das emocións e experiencias" e pola calidade, lembrando que Pontevedra é a provincia galega con máis distintivos Q e que "esta Deputación é a única administración galega no proxecto de desenvolvemento dunha Rede de DTI para España".

Exemplos de empresas de éxito
No apartado Exemplos de turismo intelixente en Pontevedra interviron varias empresas que están a colleitar éxitos a través da sinerxía entre novas tecnoloxías e turismo. O CEO de Xoia Software Development, Xoel Vázquez, puxo o foco "na importancia que teñen as novas tecnoloxías na mellora da experiencia do turista antes de emprender a viaxe, durante e despois dela". Carmela Pereira, de Namorarte Viaxes Arqueolóxicas, asegurou que "as novas tecnoloxías foron fundamentais para reducir custos e para chegar á xente de fóra de Galicia". Marta Iglesias, de Piragüilla Ocio e Aventura, apuntou que é fundamental que haxa "un compoñente humano" detrás dos negocios. Ao longo do relatorio tamén se reflexionou sobre a necesidade "de máis axudas para a comercialización dos produtos".

Pola súa banda, David Regades explicou iniciativas que está a impulsar a Zona Franca para fomentar a cultura das TIC de forma colaborativa, como os edificios intelixentes e o 5G, e incidiu na "necesidade de impulsar o turismo industrial". Sobre proxectos de futuro tamén falou Javier Yagüe, que adiantou aspectos nos que está a traballar o Aeroporto de Vigo para converterse nun Smart Aeroport e enmarcados na iniciativa de edificios intelixentes, no 5G, no recoñecemento facial, na realidade aumentada ou no Design Thinking.

Así mesmo, Fernando Fraile fixo un percorrido por colaboracións público-privadas de éxito desenvolvidas dende o nacemento das Q de Calidade e salientou que a suma de sinerxías tamén debe darse entre entidades públicas e no ámbito privado.

O segundo relatorio contou coa participación da xefa de proxectos de Segitur, Edurne Vidal; o xerente de desenvolvemento de produtos de Aenor e o experto en turismo e presidente de Spain Live Music, Iñaki Gaztelumendi, nunha mesa moderada por David Villar, líder de Especialización e Gobernanza de CTIC Asturias. Todos eles profundizaron na Gobernanza dentro dos Destinos Intelixentes e debateron sobre "o exceso da información" na sociedade actual e sobre a importancia de "mellorar a xestión e a capacidade analítica".

A mesa Innovación aplicada á comercialización turística, conducida pola directora dos Paradores de Cambados e Pontevedra, Meritxell Marcos, reuniu ao director da división en liña Halcón Viaxes-Globalia, Marco Táboas; a Anna Borduzha, membro da empresa Mabrian, e a David González, da empresa Perfeqto. Entre outros temas, sinalaron a "importancia do asociacionismo no sector hostaleiro" e sinalaron que "estamos ante un novo paradigma de comercialización, enfrontámonos a un cliente complicado que o que quere é vivir experiencias".

O proxecto Desafío Domingo Fontán, vencedor do I Hackathon DESTInno

O proxecto Desafío Domingo Fontán, vencedor do I Hackathon DESTInno

As II Xornadas TurisTIC incluíron a entrega dos premios do Hackathon DESTInno, impulsado para recoñecer as mellores solucións tecnolóxicas encamiñadas a fortalecer a eficiencia dos destinos turísticos. O proxecto Desafío Domingo Fontán (no que participaron Celso Gómez Corbal, Luis Eduardo Castro e Jarold Meléndez Lugo) acadou o primeiro premio, Niiru logrou o segundo e Rondar o terceiro.

Comentarios