A ilustración mexicana ocupa o Museo na véspera da apertura do Salón do Libro

O Edificio Sarmiento acolle a exposición 'Pintacuentos', composta por 142 obras de 49 autores ▶ "Me fascina la energía que tienen aquí; tenemos que seguir colaborando", di Susana Pliego

Foto de familia co alcalde de Pontevedra, o deputado provincial de Cultura e as representantes da delegación mexicana. RAFA FARIÑA
photo_camera Foto de familia co alcalde de Pontevedra, o deputado provincial de Cultura e as representantes da delegación mexicana. RAFA FARIÑA

As ilustradoras mexicanas Valeria Gallo e Cecilia Rébora foron algunhas das representantes da delegación mexicana desprazada estes días en Pontevedra para participar no Salón do Libro Infantil e Xuvenil da cidade, do que México é o país convidado, que participaron onte na inauguración da exposición Pintacuentos. A mostra, composta por 142 obras orixinais de 49 autores que traballan no ámbito da literatura infantil e xuvenil mexicana, foi inaugurada no Edificio Sarmiento do Museo este xoves, na véspera da apertura oficial do Salón, en cuxa programación está enmarcada. Poderase visitar ata o 27 de maio.

"Estoy sorprendida con la cantidad de vínculos que existen entre México y Pontevedra. Tenemos que seguir construyendo cosas juntos de cara al futuro", sinalou a conselleira cultural de México en España, Susana Pliego. "Me fascina la energía que tienen aquí".

Pliego participou na inauguración da mostra, promovida pola Secretaría de Cultura e Agencia Mexicana de Cooperación Internacional para el Desarrollo (Amexcid), xunto á coordinadora general de Programación da Feria Internacional del Libro Infantil y Juvenil (FILIJ), Alin Escoto; o director do Museo de Pontevedra, Carlos Valle; o deputado provincial de Cultura, Xosé Leal, e o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores.

HONOR. Para Alin Escoto, que ao igual que Pliego destacou a importancia do evento deste xoves, "es un honor que México sea el país invitado en este Salón del Libro". Así mesmo, a representante da FILIJ tamén explicou como Pintacuentos reúne boa parte do que é o traballo actual dos ilustradores mexicanos.

Pola banda galega, Xosé Leal e Lores insistiron na importancia do Salón, "que fixo de Pontevedra un referente estatal e mesmo internacional", dixo o deputado. "Ter a México como país convidado supón un paso máis cara adiante".

Pintacuentos naceu como parte da programación do embaixador da edición 2016 da FILIJ, o artista plástico ilustrador de libros infantís e xuvenís Mauricio Gómez Morín. Trátase "dun inventario representativo do que se está a facer neste intre no mundo da ilustración, dende os máis vellos ata os talentos máis novos, recompilando traballos pertencentes a artistas nados ao longo de cinco décadas, dos anos 40 aos 80", sinala a organización.

Previamente á inauguración da mostra, realizouse unha visita guiada para o estudantado, coordinada por Itziar Ezquieta e conducida polas ilustradoras mexicanas Cecilia Rébora e Valeria Gallo. Esta é a primeira das catro mostras que o Ministerio de Cultura e Exteriores de México trouxo á cidade. As outras son 68 voces, Kerenta Merced. Cultura en Resistencia e Invitemos a ler.

Catrina e Dona Francisca no Pazo da Cultura

O Auditorio do Pazo da Cultura acolle este venres (18.00 horas) a inauguración oficial do XIX Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra. Farao co concerto Catrina e Dona Francisca, a cargo da Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra. Trátase dun espectáculo de música e contos que xira arredor das catrinas, iconas da cultura mexicana. O concerto contará coa presenza da escritora e narradora Paula Carballeira, que acompañará a música orquestral composta polo galego Mario Diz e o director Juan Miguel Romero Llopis.
*Suplemento especial do Salón do Libro, este venres, co xornal en papel