jueves. 20.02.2020 |
El tiempo
jueves. 20.02.2020
El tiempo

Os mozos estudan as súas opcións de futuro na feira Edugal

Un dos obradoiros celebrados no Edugal. RAFA FARIÑA
Un dos obradoiros celebrados no Edugal. RAFA FARIÑA
A maioría dos rapaces que visitaban este xoves a feira non tiñan claro aínda en que carreira matricularse. A vocación e os gustos seguen pesando máis que as saídas laborais

Adestrador de fútbol, cociñeiro, científico, lingüista e ata piloto. A feira Edugal, organizada por Aempe, ofrece multitude de opcións de estudo a mozos de ESO e Bacharelato. "Imaxinas ser piloto?", preguntábanse onte unhas rapazas tras pasar polo stand de Aeroflota del Noroeste. "Pero é carísimo", contestaba outra aludindo ao prezo. A maioría dos mozos que visitaban este xovesa feira, chegados dende centros educativos de toda a Comunidade, dubidaban cando se trataba de falar de plans de futuro.

Gabriela, por exemplo, do IES do Barral, en Ponteareas, e que tamén visitou o expositor da escola de pilotos, aseguraba que a ela o que lle gustaría é ser azafata. Aínda que tampouco lle disgustan outros plans, como ser educadora social. A súa compañeira María, que estuda con ela 4º de ESO no mesmo centro, teno máis claro. "Eu máis ou menos xa sei que quero estudar Bacharelato de Ciencias e logo estudar Bioloxía na Universidade de Vigo, se me dá a nota", explicaba. Ademais, aseguraba que a cita deste xoves resultaba "moi interesante para persoas que non teñen claro se facer Bacharelato ou non, aquí poden atopar diferentes opcións de ciclos que lle poden resultar atractivos".

Os principais dilemas consistían en estudar un ciclo formativo ou unha carreira universitaria, así como decidirse entre un ciclo medio ou o Bacharelato. O que non preocupaba demasiado aos mozos eran as posibles saídas profesionais de cada titulación e preferían orientarse en función das súas habilidades e gustos. Deste xeito, unha conferencia sobre a formación precisa para ser adestrador de fútbol reunía a multitude de mozos.

Mentres, Andrés, Óscar e Noa, do IES A Xunqueira II, visitaban o expositor da Universidade de Vigo para informarse sobre a formación en enxeñería que ofrece a institución. "Acabamos de coller uns papeliños coas notas de corte e podemos ver o que custa cada curso. Fixeime en Enxeñería Aeronáutica, é un campo interesante e gustaríame facer algo parecido", conta o primeiro. Pola súa parte, Óscar amosábase onte máis dubitativo. "Aínda non o teño moi claro, pero se fago algo gustaríame que fose de ciencias. Esta feira está ben para informarse e saber o que quero facer", explicaba o mozo. O terceiro deles, Noa, aseguraba que se inclinaba máis por opcións como Medicina.

Había quen si pensaba no futuro laboral, como Iria, do IES Xesús Taboada Chivite, de Verín, que se estivo informando sobre as opcións de ingresar no exército. "A min gústame o deporte e penso que podería ingresar, o que máis me chama é que podes estudar dentro e tes traballo asegurado", explicaba. Ademais, na tarde do xoves tamén visitou a feira o conselleiro de Economía, Francisco Conde. O conselleiro apelou á necesidade de sumar esforzos á hora de ofrecer unha formación máis especializada aos máis novos.

Así, Conde chamou a potenciar os modelos baseados na innovación, aqueles que, asegurou, definen aos profesionais 4.0 que reclaman prioritariamente desde o mercado laboral. Neste senso, o titular de Economía, Emprego e Industria insistiu na obriga de incentivar as vocacións STEM, especialmente entre as máis novas.

Con este cometido, a Xunta de Galicia tense adherido á iniciativa europea #OndeEstánElas, que nace co propósito de maximizar a visibilidade das mulleres na vida pública.

Os mozos estudan as súas opcións de futuro na feira Edugal
Comentarios