Implicación social no I Fórum do Río Miño Transfronteirizo

"A nova política é aquela que conta coa cidadanía para decidir os proxectos de futuro", subliña Carmela Silva

O reitor da UVigo e a presidenta da Deputación, primeiros pola esquerda. DP (Carmela Silva, I Fórum do Río Miño Transfronteirizo)
photo_camera O reitor da UVigo e a presidenta da Deputación, primeiros pola esquerda. DP

O I Fórum do Río Miño Transfronteirizo celebrouse este xoves en Valença cunha participación cidadá histórica, segundo informou a Deputación nun comunicado. Reuniu a máis dun cento de axentes sociais do territorio na Escola Superior de Ciências Empresariais para debater as bases da que será a Estratexia 2030, que dará forma á cooperación transfronteiriza do territorio durante a próxima década.

Representantes sociais de áreas como a gobernanza, o turismo, a información, a mobilidade, a educación ou a integración social participaron en catro mesas de debate, "que destacaron polo seu dinamismo e o número de intervencións" e que foron coordinadas por un equipo de expertos universitarios que puideron recoller as propostas, inquedanzas e ideas das persoas participantes.

Ao longo da xornada quedou de manifesto "o compromiso e a implicación de todos os axentes sociais, económicos e culturais, así como das autoridades políticas", para seguir traballando nos próximos meses na elaboración da Estratexia 2030, engade a nota.

Trátase dun plan enmarcado dentro do proxecto de cooperación transfronteiriza Smart Minho, e que se presentará nun II Fórum Transfronteirizo a finais de 2018. A realización dun estudo e unha diagnose do territorio do río Miño transfronteirizo como espazo común espertou un palpable sentimento de entusiasmo entre as persoas asistentes.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, quen participou no Foro co deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez, amosou a súa emoción porque "hoxe aquí estamos a impulsar unha idea que ten por obxectivos transformar dende o coñecemento, dende a intelixencia, dende propostas serias e rigorosas, o río Miño mediante un proxecto de desenvolvemento que ten como centro ás persoas que viven a ambos lados da súa ribeira". Neste contexto, Silva puxo en valor o río como "elemento centralizador de dous grandes espazos territoriais que teñen inmensas potencialidades de futuro e que debemos construír conxuntamente".

Tamén urxiu a elaboración de proxectos para este territorio "e facelo rápido, porque a nova programación de fondos europeos está xa aí e debemos ter voz na Unión Europea". Deste xeito, destacou a necesidade de aproveitar o foro e o traballo conxunto "para definir unha estratexia que poidamos defender a nivel autonómico".

Comentarios