Impulsan un ciclo de Comercialización de Produtos Alimentarios en Pontevedra

O CIFP Carlos Oroza e o IES Luís Seoane compartirán este CM de FP Dual, que incluirá formación remunerada en catro empresas

Alumnado do ciclo de Cociña nas instalacións do Carlos Oroza. CHRISTIAN FERNÁNDEZ (ADP)
photo_camera Alumnado do ciclo de Cociña nas instalacións do Carlos Oroza. CHRISTIAN FERNÁNDEZ (ADP)

O Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Carlos Oroza e o IES Luís Seoane implantarán o vindeiro curso 2019-2020, un novo ciclo medio de Comercialización de Produtos Alimentarios. Integrarase, ademais, na FP Dual, polo que o curso se dividirá en seis meses de clases presenciais nos centros educativos e outros seis de formación remunerada en empresas, segundo informou este martes o director do CIFP, Manuel Hermo. "O obxectivo deste ciclo é formar ao alumnado cun perfil concreto para traballar en grandes superficies de alimentación ou en tendas especializadas tipo gourmet", apuntou.

Deste xeito, o Luís Seoane impartirá os módulos relacionados coa parte comercial –tres días á semana–, mentres o Carlos Oroza se encargará dos vinculados ao coñecemento dos produtos alimenticios e as materias primas, así como a súa preelaboración, conservación e presentación para a venda en lineais de supermercado e tendas máis pequenas. As clases neste centro serán nos outros dous días da semana, onde o alumnado terá que preparar produtos frescos para a súa comercialización. A formación centrarase en froitas, verduras, carne, peixe ou mariscos.

"Hai unha gran demanda deste perfil de traballador por parte das empresas e queremos dar resposta a esta necesidade", di Hermo

O ciclo está composto de dous cursos. En cada uno, tralos seis meses de formación teórico-práctica nos institutos, desenvolveranse outros seis de traballo nalgunha das catro empresas participantes nesta iniciativa: Gadis, Carrefour, Eroski e Alcampo. A remuneración pola formación e o traballo realizado será duns 500 euros ao mes, apuntou Hermo.

Este será o único ciclo medio da FP Dual que ofrecerá o Carlos Oroza, despois dunha vella experiencia en 2013. Ademais, subliñou o seu director, trátase dunha experiencia pioneira en Galicia.

"É un convenio único para toda a comunidade e tamén se implantará en centros de Vigo, Santiago, A Coruña e Ferrol", matizou.

Así mesmo, destacou que antes de poñelo en marcha se comprobou que, efectivamente, "hai unha gran demanda deste perfil de traballador por parte das empresas e queremos dar resposta a esta necesidade". As persoas interesadas en matricularse neste novo ciclo, así como no resto da oferta educativa da Formación Profesional poderán solicitar praza entre o 24 de xuño e o 2 de xuño.

SAÍDA LABORAL EFECTIVA. Manuel Hermo salienta as grandes vantaxes da FP Dual. "Estamos moi contentos con esta opción, porque ten unha saída laboral efectiva. Todo o alumnado que remata ten unha oferta de traballo enriba da mesa", subliñou o director do Carlos Oroza. "Ademais, o nivel de cualificación e preparación é alto".

Aínda así, sempre queda algunha vacante nesta oferta formativa. "Quizais tamén pesa o descoñecemento, pois moita xente aínda non coñece ben este sistema".

Deste xeito, á parte do novo ciclo medio de Comercialización de Produtos Alimentarios, o Carlos Oroza mantén a súa oferta de cara ao vindeiro curso. Actualmente impártense dous ciclos formativos de grado superior na modalidade FP dual: o de Xestión de Aloxamentos Turísticos e un ciclo con doble titulación en Dirección de Cociña e Servizos en Restauración. Ámbolos dous contan cun convenio co grupo Hotusa, o que posibilita realizar o periodo de estancia na empresa en hoteis de prestixio a nivel internacional da cadea Eurostars Hotels.

A estes súmanse os ciclos formativos ordinarios: un de FP Básica (Cociña e Restauración); tres de grao medio (Cociña e gastronomía, Servizos en restauración e Panadaría, repostaría e confeitaría) e catro de grao superior (Xestión de aloxamentos turísticos; Guía, información e asistencia turísticas, Dirección de cociña e Dirección de servizos de restauración.

Comentarios