Iñaki Bretal: "O importante é que a cativada aprenda a deixar de lado os procesados"

O chef do Eirado da Leña, cunha estrela Michelin, pecha as xornadas gastronómicas do CEP Campolongo
O chef Iñaki Bretal, no centro da imaxe, co alumnado do Colexio de Campolongo. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera O chef Iñaki Bretal, no centro da imaxe, co alumnado do Colexio de Campolongo. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
"Iniciativas coma esta son sempre positivas porque supoñen unha maneira moi interesante de ir metendo á cativada no mundiño da cociña e, sobre todo, no da alimentación sá", explica o chef Iñaki Bretal, do Eirado da Leña, restaurante cunha estrela Michelin. "O máis importante é que os nenos e nenas vexan que se pode comer san e rico empregando alimentos naturais e que aprendan a deixar de lado os procesados. Para isto é fundamental que teñan referentes adultos, sobre todo nos pais. Todos sabemos que é máis sinxelo abrir un paquete do que sexa e tirar para adiante, pero a rapazada ten que ver que hai alternativas".

Bretal foi o encargado de pechar onte, facendo unha macedonia de froitas con alumnos de quinto e sexto de Primaria (ante a ausencia de última hora do outro cociñeiro que estaba convidado, Pepe Solla, que se tiña que ter ocupado dun dos cursos), as xornadas gastronómicas que organizou a Anpa San Xosé do CEP Campolongo. "Gustoume moito estar aquí. É unha proposta moi ben pensada", recoñece o chef. "E sempre é interesante traballar con pequenos, que son absolutamente sinceros, para ben e para mal. Eu saín moi contento e penso que eles tamén".

A presidenta da Anpa, Verónica Conde, fai un balance positivo destas xornadas gastronómicas postas en marcha co obxectivo de darlle saída a parte da produción da horta que coida o alumnado do colexio de Campolongo. Celebráronse dende a semana pasada e participaron catro chefs: Carlos Barreira (Bocarte), Francesco Giannelli (Il Piccolo), Giuseppe Verniero (Mare e Monti) e o mencionado Iñaki Bretal. Entre outras cousas, a cativada fixo salpicón ou pizzas con vexetais.

"Creo que foi unha experiencia positiva e súper boa para a rapazada", sinala. "Salvo algún chef que tivo que suspender a súa participación, a actividade saíu moi ben e creo que tanto os cociñeiros como os pais e os alumnos estamos encantados. A idea é poder repetir o ano que vén".

Comentarios