Inaugurada a exposición 'Tal día coma hoxe' na Deputación

A mostra, promovida por Aspace, busca transmitir efectividade e o día a día nas relacións entre personas con parálise cerebral

Mónica Touriño, xunto a Carmila. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Mónica Touriño, xunto a Carmela Silva. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A recén reelexida presidenta da Deputación, Carmela Silva, inaguraba Este martes a exposición Tal día coma hoxe, que promove a Federación ASPACE-Galicia. O vestíbulo do Pazo Provincial acolle desde este martes, e por terceiro ano consecutivo, a mostra que desde hai oito anos organiza a confederación a nivel estatal.

Silva amosábase agradecida á presidenta da federación, Mónica Touriño, "por crer que esta entrada do Pazo Provincial ten a dignidade suficiente para traer o máis digno que existe, que son imaxes das persoas que reclaman a igualdade, que reclaman todos os dereitos. Porque son seus, porque lles pertencen e lles corresponden, e porque custa moito adquirilos. E polo tanto esta exposición, cada mañá cando eu vaia entrar, lembrarame a min e a todas as persoas que entran por este Pazo, a todos os traballadores, a todas as cidadás e cidadáns, que temos unha obriga que é lograr que todas e todos poidamos vivir. Vivir sendo felices. E para ser felices hai que ter dereitos. É imposible vivir se non tes cada día todo aquilo que che permite tomar decisións sobre a túa vida cos recursos necesarios para facelo".

O acto daba comezo cun vídeo promocional da exposición, toda unha declaración de intencións en formato audiovisual que obrigaba a centrar a atención. "Seguro que ese é o obxectivo do vídeo. Temos que fixar a atención, non mirar para outro lado ou pensar que nada se pode facer. Todo se pode facer", apuntaba a presidenta da Deputación Provincial.

As 30 instantáneas, realizadas por Chomi Delgado, retratan 4 historias reais que se entretecen e que amosan o día a día das persoas con parálise cerebral, pondo en evidencia o feito de seren quen de ter unha vida afectiva igual que a de calquera outra persoa máis aló da súa discapacidade. Todo isto, a través do eixo estrutural das relacións persoais e os afectos. "Un tema fundamental na vida de calquera persoa, e por suposto das persoas con parálise cerebral", sinalaba Touriño. A mensaxe tamén era compartida pola presidenta da Deputación, para quen a mostra «fala do máis importante que temos os seres humanos, que son os afectos. Porque o afecto marca o que somos as persoas».

As imaxes agrúpanse en tres bloques temáticos: as relacións de amizade, a vida en parella e a busca da familia. "A amizade, non poderiamos vivir sen ter amigas e amigos. As relacións sexuais e as relacións de parella forman parte fundamental da nosa vida, e todo o mundo ten dereito a telas en liberdade, sen que ninguén poña trabas a esas relacións afectivas. E a familia, o núcleo no que nos asentamos as persoas: a familia inicial na que nacemos e a familia que construimos. É importante ter o dereito e a liberdade de poder construir a nosa familia", reivindicou Silva.

Para ASPACE, a presentación da exposición resultaba o primeiro acto institucional do 20 aniversario da fundación, que este mes de xullo cumpre as dúas décadas en activo. Unha primeira acción de gran trascendencia "para nós porque vos visibiliza. E iso é tan importate, que se vos vexa. Que se vos vexa no día a día, tal é como di a exposición, Tal día coma hoxe", confesaba a presidenta da federación na Galiza perante as persoas alí reunidas.

Tamén era o primeiro acto para Carmela Silva, alcumada por Touriño como "alcaldesa de provincia", tras a súa reelección como presidenta da Deputación. "Non podía ser doutra forma. O meu primeiro acto tiña que ser algo así, porque nós comprometímonos neste segundo mandato que as persoas van ser todavía máis o centro da nosa actuación política. E non poden ser palabras, teñen que ser feitos", aseguraba, "Así que este primeiro acto a quen honra é a min e a todos e todas estes deputados e deputadas que me acompañan. Encántanos tervos aquí. Sodes o mellor da nosa sociedade, porque todo é moi difícil para vós e non deixades que o difícil vos impida facer o que soñades. E iso ten un valor enorme".

Unha vez finalizados os discursos inagurais, Silva saudou persoalmente a todos os asistentes, un numeroso grupo de persoas usuarias dos centros de Amencer, para a continuación pasar a observar as pezas da exposición xunto á presidenta de Aspace. Un aplauso final deu por concluído o acto.

Após o seu paso por Vigo, a mostra permanecerá no ástrago do Pazo Provincial da cidade até o vindeiro día 19, aberto de luns a venres en horario de 8 a 20 horas. Amais de Pontevedra, a exposición itinerante visitará no que queda de ano outras 16 cidades do Estado.

Tanto Touriño como Silva non dubidaron en convidar a todos, "sobre todo agora, que estamos en xullo e que a xente nos relacionamos máis porque se pode estar na rúa. Porque no espazo público a xente quérese máis".

Comentarios