As indumentarias tradicionais galegas regresan o venres á pasarela pontevedresa

A concelleira Yoya Blanco participará no desfile ► A II Pasarela de Traxe Tradicional de Pontevedra exhibirá unhas 50 vestimentas
Acto de presentación do evento 'Co Pano de Namorar na Faldriqueira'. CEDIDA
photo_camera Acto de presentación do evento 'Co Pano de Namorar na Faldriqueira'. CEDIDA

Unhas 50 indumentarias históricas atesouradas pola Asociación Sete Espadelas serán exhibidas este venres 1 de outubro na Praza de España ás 21:00 horas na II Pasarela de Traxe Tradicional de Pontevedra Co Pano de Namorar da Faldriqueira (nome que fai referencia a un señuelo de amor que levaban os homes), organizada polo colectivo etnográfico e a Concellería de Promoción Económica e Turismo en colaboración coa Deputación Provincial.

O evento, único destas características que se fai ao aire libre na Boa Vila, incluirá un pequeno concerto de música tradicional a cargo da Asociación Cultural Gaiteiros Os de Algures, e a continuación, un espectacular desfile no que se exhibirán traxes decotío, domingueiros e de garda, así como 20 mantóns de Manila antigos (todos eles parte da exposición Galicia, a terra dos mil panos, que en 2019 acadou máis de 11.000 visitas no Museo de Pontevedra) e auténticas xoias como panos estilo Imperio, isabelinos, de mil chineses, modernistas… Algún con 200 anos de antigüidade.

Na mostra desfilarán traxes tradicionais de home, muller e de nenos e nenas, todos eles antigos ou fieis reproducións, feitas a partir de estudos de campo, recollidas propias e fotografías ou pinturas da época, respectando os seus tecidos e patróns, con máis de 500 pezas de garda, domingueiras, de decotío, de feirante, montañesas, de faena e de loito, moitas delas de gran valor.

CARTEL DEFINITIVO PASARELA TRAXES TRADICIONAIS PONTEVEDRA 2021O evento permitirá desfrutar de traxes típicos e antigos de toda Galicia: O Ribeiro, Valdeorras, Camba-Laza, Lanza-Mesía, Santiago de Compostela, Ermelo-Bueu, Rañestras-Rodeiro, Cedeira, Ordes, Melide, Barrela-Carballedo, Vilagarcía de Arousa, O Condado, Mende-Vilasantar, Meiro-Bueu (de leiteira), A Pastoriza (Lastra), Outes, Muros, Betanzos, Francos-Guntín, Codesido-Vilalba, Albixoi-Mesía, Portomarín, Cotobade, Val do Ulla, Moncelos-Abadín, Arzúa, Rigueira-A Pastoriza, San Cristovo de Cea, Ponte Ulla-Vedra, Malpica de Bergantiños, Castro de Rei, A Mahía, Barzademelle-Leiro e Pontevedra.

A pasarela contará, entre os modelos que exhibirán os traxes, coa propia concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco e a súa filla Carmen, así como da xefa do Gabinete Socialista, Lucía Iglesias, e os seus pequenos Manel e Roi. Así o anunciou Blanco na Sala de Prensa do Teatro Principal no transcurso do acto de presentación deste desfile de indumentaria tradicional, no que participaron o presidente da Asociación Etnográfica Sete Espadelas, David Quiñones, e o seu tesoureiro, José Luis Rodríguez.

Un traxe de Melide para a concelleira

"Levarei un traxe de Melide deses denominados de domingar, é dicir, o mellor traxe que podía ter unha muller de aldea en Galicia a mediados do século XIX, neste caso, na comarca de Melide. No Museo da Terra de Melide conservan o cinguideiro de picote raiado que se reproduciu artesanalmente para esta presentación. Nesta vestimenta destaca o pano do pescozo, unha xoia de mantón antigo de meiriño, de tres cenefas estampadas e con barras de seda, sobre o que leva un escapulario. A miña filla Carmen vestirá un traxe de garda de nena da comarca de Pontevedra, que destaca pola vistosidade dos seus bordados", avanzou a edil de Promoción Económica.

Blanco precisou que a pasarela desenvolverase seguindo os protocolos anti covid, "coa Praza de España valada e cadeiras con ocupación limitada e con distancia de seguridade", polo que convidou á cidadanía de Pontevedra "a asistir, a sorprenderse con este desfile e, por suposto, a quedar despois na zona para consumir na nosa hostalería".

David Quiñones lembrou que esta II Pasarela de Traxe Tradicional regresa a Pontevedra "catro anos despois da primeira", polo que "nos fai moita ilusión traela e, sobre todo, o emprazamento da Praza de España, un lugar espectacular para enxalzar e darlles a importancia que merecen a estas indumentarias”. Segundo resaltou o presidente de Sete Espadelas, colectivo que conta xa con 150 socios e socias e que é un referente a nivel galego en investigación, reprodución e difusión da indumentaria tradicional galega, "moitos dos traxes que poderemos ver o venres acadaron o primeiro premio nos últimos anos no Día de Enxalzamento do Traxe Galego de Santiago (a Asociación ten no seu haber 11 premios Antón Fraguas de Investigación do Traxe Galego e máis de 35 galardóns no evento compostelán)".

José Luis Rodríguez agarda que "o tempo acompañe e non chova (en caso de precipitacións, podería adiarse o evento ao sábado 2 de outubro)", xa que o desfile terá lugar "de noite, un momento que eliximos porque todos estes traxes tradicionais merecen un escenario, que non vai ser só a fachada do Consistorio, senón que precisamos a noite para que as luces fagan brillar ese acibeche das prendas ou resalten as cores de todas elas".

Entre as prendas que exhibirán os homes atoparanse monteiras altas feitas en pano de la e veludo; capas de pano de la con esclavina; saios de picote e estameña de la abatanada; chalecos curtos de baeta ou estameña; camisas de liño de mangas plisadas e puños riscados, con bordados feitos a man nos 24 traxes de garda ou sinxelas lorzas na roupa de andar a cote; faixas de la; panos de namorar de seda raíña tecida, en vivas cores ou tornasolados; calzóns e polainas de la; escarpíns de la fiada a man e tecidos con catro agullas; zocos de coiro de pel virada con sola de madeira de bidueiro e brochas ou zapatos de coiro de becerro, ou reloxos antigos de peto chapados en ouro.

As mulleres vestirán cofias de batista e sacramento de tule, con delicados bordados feitos a man; mantelas de pano de la de Béjar; espectaculares mantóns de Manila; magníficos panos de oito puntas; camisas de liño con bordados de fío e encaixes palillados e botóns feitos a man; saias de pano de la, de picote, de estopa, de estameña…; enaguas de liño con delicadas vainicas e entredouses e puntillas de encaixes de Camariñas; escarpíns de la fiada a man e tecidos con catro agullas; zocos de pel de becerro e zocas de madeira de bidueiro tinguidas e debuxadas en negro; zapatos e botíns de fina pel de becerro atados con fitas de seda; aderezos tradicionais de filigrana en prata dourada, sapos e crucetas sobre colares de corenta doas, cruces de Malta…; escapularios e medallas antigas, ou rosarios de prata, acibeche e marfil.

Comentarios