viernes. 05.03.2021 |
El tiempo
viernes. 05.03.2021
El tiempo

Inés Lobeira: "A infección está correndo como a pólvora, caen familias enteiras"

Inés, no centro da imaxe, con dúas compañeiras do hospital. CEDIDA
Inés, no centro da imaxe, con dúas compañeiras do hospital. CEDIDA

Despois de 26 anos de profesión, a enfermeira na planta covid no Hospital de Montecelo pídelle á poboación que cumpra as normas para evitar contaxios. "Pódelle tocar a calquera en calquera sitio"

A buenense Inés Lobeira, con 26 anos de experiencia como enfermeira, traballa na planta covid do Hospital de Montecelo. A principios de ano un comentario seu nas redes, no que expoñía a dramática situación que se vive na primeira liña da pandemia e chegaba a pedir "un EPI para a alma" fíxose viral. Aínda sen ser amiga da popularidade, dá por bo saír nos medios con tal de concienciar á sociedade e salvar algunha vida. Atende ao teléfono o domingo pola tarde despois dunha noite de garda ("de moito traballo, as últimas son así") cando os datos de hospitalización superan xa aos da primeira onda da pandemia.

Os datos de casos activos de covid-19, de presión asistencial e de falecementos son dantescos. Como viven esta situación en plena zona cero da pandemia?
A situación é de medo, porque o que vén vai ser o peor. Vese o incremento de incidencia que vai á alza. Se da cifra de positivos calculamos o 10% que adoitan ingresar e, dese 10%, o 3% ou o 5% que vai á UCI, as cifras son terribles. Empezamos a ver que os pacientes xa traen unha marquiña no seu historial que pon ‘ucible’ ou ‘non ucible’. Iso para nós, emocionalmente, é un mazazo. Sabemos que se o paciente non vai ben temos que tragar nós con el ata o final.

Porque non todo o mundo pode ir á Uci.
Agora mismo xa non hai oco. Non sei se habilitarán novos espazos.

Non cre que estes días se estea a producir o pico da terceira onda, dúas semanas despois de Reis?
Eu penso que esta semana vai ser o peor. Despois, non sei. Está claro que agora mesmo van aparecer os casos máis graves. As infeccións están aí e quizais o pico empece a baixar. Non teño moita esperanza, realmente. A infección está correndo como a pólvora. É incrible como aumenta, e non sabemos moi ben por que. Cando antes caían dous ou tres dunha familia, agora están caendo todos. O empeoramento e os síntomas e secuelas máis graves da enfermidade aparecen lentamente. Esperamos o peor do peor.

"As patoloxías previas que peor evolucionan coa covid-19 son a obesidade, diabetes, hipertensión e problemas cardíacos"

Como afrontan este traballo, sobre todo psicolóxicamente? En case 30 anos de experiencia nunca se atoparía nunha situación semellante.
É que é moi triste ver a incomprensión de parte da poboación. Fannos crer que temos que ir xa chorados da casa e dar alí todo o que poidamos, que para iso nos pagan, que somos uns privilexiados. Estamos cansadísimos. Fisicamente e emocionalmente tamén. Estamos aguantando. Non penso que ninguén baixe do barco ata que isto empece a mellorar. O que non sei é o que vai pasar unha vez que isto acabe. Estamos dándoo todo, realmente. E cando baixe a incidencia, que vai pasar? Agora estamos coa adrenalina a tope, pero somos seres humanos, non de aceiro. Será unha marea de baixas psicolóxicas. É moi duro o que se vive día a día. 

Cre que a sociedade é consciente da gravidade desta situación? Que quizais debería visualizarse o que está pasando nos hospitais, máis aló de cifras e declaracións? 
Quizais aquí que son pobos pequenos, Pontevedra, Poio, Marín, Bueu… Penso que incluso deberían de darse a coñecer datos. Estou segura que ás familias dos pacientes non lles importaría dicir que o seu familiar está ingresado, ou que leva tantos días na Uci e amosar as cousas como están pasando. Realmente hai moitísima xente que non se decata da magnitude do que estamos a vivir, dos problemas que implica non evitar os contaxios. Está claro que o problema económico é enorme, pero non evitar os contaxios é o que nos levou a todo isto.

Hai algún perfil de paciente, por idade ou patoloxías? Hai xente nova hospitalizada?
Temos pacientes entre os 45 e os 90 anos. Nese rango podes atopar homes, mulleres, pacientes con algunha patoloxía previa, que pode ser unha simple obesidade ou un sobrepeso, que se está mostrando como a peor das patoloxías previas, a que peor evoluciona. Quen non ten un pouco de sobrepeso en Galicia? Ou unha hipertensión coa que convive, ás veces simplemente cunha dieta sen sal? Que se fale de patoloxías previas considéroo absurdo a estas alturas.

"Non penso que ninguén baixe do barco ata que isto mellore, pero virá unha marea de baixas psicolóxicas"

Cada vez que se produce un falecemento, o Sergas especifica se ten patoloxías previas -a ampla maioría- ou non. Que patoloxías son esas? Falaba do sobrepeso…
As que peor evolucionan coa covid son esas: obesidade, diabetes, hipertensión arterial ou problemas cardíacos. Pero a xente pode ter unha morea de patoloxías coas que convive moito tempo sen problema. O que implica que te infectes co coronavirus é que todo iso se vai acelerar. Penso que sería mellor que se destacase quen non tiña patoloxías previas. Serán poucos, pero a xente daríase conta de que a calquera nos pode pasar, que é o que está sucedendo. 

É o caso dunha muller de 57 anos, na área de Pontevedra-O Salnés, e dun home de 46, na da Coruña, que faleceron estes últimos días.
Podería remover conciencias e facernos pensar que podería pasarnos a calquera. Agora mesmo a xente non se preocupa demasiado porque afortunadamente non todos os contaxiados precisan ingreso hospitalario. Pero non se sabe cales van ser as secuelas da covid. Despois da gripe de 1918 xurdiron moitísimos problemas neurolóxicos e posteriormente demostrouse que foran consecuencia da gripe. Non sabemos como poden ser as secuelas da covid, mesmo en persoas que a pasan con síntomas leves. Paréceme un atrevemento toda esa xente que di ‘xa a pasarei, que non é máis que unha gripe’. A cuestión non é pasala, senón que aínda con síntomas leves podes ter secuelas graves. É atrevido e ser inconsciente.

Estes días trascendeu o falecemento dun paciente en Montecelo que ingresou cunha luxación de cadeira, foi operado aos 13 días e xusto despois deu positivo e acabou falecendo, segundo fixo público a familia. Nesa mesma planta houbo máis contaxios, segundo diversas testemuñas. É segura a planta covid?
Ou é moi claro ou non se pode dicir de onde xurde o gromo. Non é o único caso que hai. Hai moitos que quizais non acaban en falecemento, por sorte, pero as infeccións en pacientes que están ingresados neste Complexo Hospitalario son parte do día a día. Os pacientes poden infectarse por ter un compañeiro positivo e polos seus familiares e o realmente raro é que se contaxien do persoal, porque está cuberto con máscaras todo o tempo. Que se están dando eses casos? Moitísimos. Non hai que buscar culpables. Que está pasando? Si. Que se poñen todos os medios? É un pouco tarde, pero si. Paréceme absolutamente incrible que ata esta semana [pola pasada] non se prohibiran as visitas. Son totalmente innecesarias. Só se necesita un acompañante, ás veces, por manter a tranquilidade dun paciente maior, inestable. Fai moito psicoloxicamente. Pero vivimos nunha zona onde é moi frecuente que se vas a unha consulta aproveitas para dar un tour por Montecelo a visitar aos veciños ingresados. Iso non se pode permitir. As infeccións poden vir de calquera parte. Non hai que buscar culpables, hai que evitalo.

Está funcionando este control das visitas?
Polo que vexo si. Nas plantas tamén hai un punto de control, no que se deixan os datos dos acompañantes. Pero isto debía facerse desde fai tempo. Agora mesmo todo o mal está feito. Todo que se fixo nas reunións familiares, permitindo a mobilidade entre concellos… Agora mesmo só nos queda a conciencia de cada un e, xa que non nos obrigan a confinarnos, pensar que iso é o que nos pode salvar. Agora mesmo estamos nunha transmisión comunitaria e isto pode afectar a calquera en calquera sitio. 

Que mensaxe lle enviaría á sociedade desde a zona cero da pandemia?
Realmente a xente que está concienciada xa o está desde hai moito tempo. Ao resto non sei nin que dicirlle. Que sigan as recomendacións da xente que sabe. Vimos avisando desde hai moito tempo e ninguén fixo caso. Agora quizais sexa tarde. Se a maioría dos sanitarios pedimos á xente que se autoconfine non é por capricho, é unha necesidade.

Inés Lobeira: "A infección está correndo como a pólvora, caen...
Comentarios
ç