"O Ingreso Mínimo Vital pode ser o paso definitivo para saír do pozo do maltrato"

Maica Larriba destacou a importancia da renda do Goberno para favorecer a independencia económica das vítimas
A xornada deste xoves na Subdelegación. DP
photo_camera A xornada deste xoves na Subdelegación. DP

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, destacou que "para as mulleres vítimas de violencia de xénero, o Ingreso Mínimo Vital do Goberno pode supoñer un paso definitivo para saír do pozo do maltrato. Isto é así", afirmou, "porque esta prestación pode favorecer a independencia económica necesaria para que as vítimas inicien unha nova vida".

A subdelegada realizou estas declaracións durante a presentación da xornada Prestacións da Seguridade Social: Ingreso Mínimo Vital, que se desenvolveu na Subdelegación como arranque da axenda de actos ao abeiro do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.

A actividade congregou a unha trintena de profesionais que traballan directamente con vítimas de violencia de xénero ou de trata. Foi impartida pola directora do Centro de Atención é Información da Seguridade Social 2 de Vigo, Belén Pérez Rodríguez, quen informou sobre todas as posibilidades que ofrece o IMV para as mulleres que sofren esta lacra social, co obxecto de que as persoas asistentes obteñan coñecementos para trasladarlles ás vítimas, de maneira rigorosa, as oportunidades desta prestación.

Larriba lembrou que "a dependencia económica das parellas leva a moitas mulleres a soportar anos de todo tipo de violencia, ao carecer de alternativa coa que iniciar unha nova vida", non obstante "o Ingreso Mínimo Vital impulsado polo Goberno ofrécelles a posibilidade de acceder a unha renda económica coa que abandonar esta situación de vulnerabilidade".

Nesta liña, a subdelegada fixo fincapé en que "redistribuír a renda para erradicar a pobreza extrema, favorecer a inclusión social e fomentar a participación das persoas en situación de vulnerabilidade, son os obxectivos principais dunha decisión impulsada polo Goberno para protexer as unidades familiares sen ingresos regulares, que xa perciben na provincia de Pontevedra unhas 15.000 persoas".

Larriba sinalou que "fronte aos que negan a realidade da violencia machista como negan a pobreza ou o cambio climático, están as mulleres que cada día son máis valentes e se atreven a denunciar". "Cando cheguei ao cargo de subdelegada había pouco máis de mil vítimas no sistema Viogén e catro anos despois estamos cerca das mil catrocentas, non porque haxa máis violencia machista, senón porque as mulleres romperon o tabú e denuncian máis, porque saben que teñen apoio", concluíu.

Comentarios