Estas son as catro empresas que optan a facer a reforma do CEIP Froebel, que Educación espera iniciar no verán

Os prazos cumpriranse se o Concello outorga a tempo a licenza de obra, destaca a Consellería
Noites Abertas no Froebel. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Noites Abertas no Froebel. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Construcciones Castro Figuero S.L., Construcciones Jesús Naray S.L., Construcciones y Obras Taboada Ramos S.L.U. e Obras y Servicios Gómez Crespo S.L. Estas son as catro empresas de construción que presentaron as súas ofertas para realizar a terceira fase da rehabilitación integral do Colexio CEIP Plurilingüe Froebel, unha cifra que xa fora publicada a finais da semana pasada.

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades deu este xoves máis detalles do proceso e lembrou que licitou esta obra en febreiro, por un importe de 1.170.948,58 euros e, que "para axilizar os trámites", remitiu xa ao Concello de Pontevedra o proxecto básico e de execución para que conceda a licenza de obras "no prazo máis breve posible".

Na sesión da mesa de contratación celebrada este xoves, os técnicos constataron a presentación de ofertas por parte das empresas A partir de agora, revisarase a documentación presentada para proceder a realizar a proposta de adxudicación e que a obra, que ten un prazo de execución de seis meses, poida comezar no verán, "sempre e cando o Concello teña outorgado a licenza de obras". 

Melloras en cubertas e aulario

O programa de necesidades inclúe tanto as necesidades iniciais detectadas pola Unidade Técnica como melloras suxeridas polo propio centro e ocúpase da parte do colexio que aínda non foi reformado, que se corresponde coa parte do volume central que dá á rúa Xeral Martitegui, incluíndo as aulas de Primaria e a zona cuberta do patio central, así como o distribuidor que rodea todo o patio central. 

Deste xeito, o proxecto contempla a renovación das cubertas que aínda non foron mudadas, cunha superficie total de case 1.500 metros cadrados, unha actuación que se completará co reforzo estrutural das cerchas e a renovación dos correspondentes canlóns e baixantes. Incorporarase, ademais, illamento térmico nas novas cubertas, de xeito que se reduzan as perdas de calor e colocarase un pararraios.

Así mesmo, colocarase trasdosado de xeso interiores en fachadas exteriores para incrementar o illamento térmico e melloraranse os acabados interiores, co cambio de falsos teitos, alicatados, luminarias e portas, tanto en zonas comúns como en aulas. No que atinxe aos aseos, acometerase a remodelación dos situados na torre central. 

A maiores, renovaranse as instalacións de electricidade, fontanería, calefacción e protección contra incendios en toda a área de actuación desta terceira fase.

Comentarios