O Concello anuncia a creación dunha nova horta urbana en Ernesto Caballero

Os traballos prolongaranse durantes uns dous meses 
Lugar donde se habilitará la huerta urbana. CONCELLO
photo_camera Lugar donde se habilitará la huerta urbana. CONCELLO

A empresa Feito Pontevedra SL acaba de poñer en marcha os traballos destinados a ampliar a oferta de hortas urbanas do concello de Pontevedra coa creación de novos verxeis comunitarios nunha parcela de propiedade municipal situada entre a rúa Ernesto Caballero e as vías do ferrocarril, ao seu paso por José Malvar).

As actuacións impulsadas pola Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural suporán un investimento global de máis de 30.000 euros e traduciranse na construción de 17 bancais elevados de madeira tratada de 14 metros cadrados, acondicionados con achegas de terra vexetal e compost.

O proxecto contempla a colocación dun peche perimetral duns dous metros de altura e dun portón de entrada que estará pechado con chave, polo que só terán acceso os usuarios da horta. Tamén se instalará unha billa e un sistema automatizado de rego por goteo –cun programador e
tódolos elementos necesarios–.

Tal e como explicou o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, "a finca carece de auga nestes momentos, polo que os traballos inclúen a realización dunha acometida dende a rúa Ernesto Caballero por parte de Viaqua". "As obras de creación da nova horta urbana contan cun orzamento de 28.099 euros, mentres que a acometida ten un custe de 2.000 euros", precisou o edil do PSOE.

O Concello subministrará unha serie de ferramentas de uso agrícola para o emprego comunitario dos usuarios e colocará unha caseta para gardar o material de traballo e un cartel coas normas de utilización dos verxeis. "Tamén se instalará un composteiro -indica o edil- para o tratamento dos residuos agrícolas, pechándose así o ciclo da materia orgánica dentro da propia horta".

Iván Puentes avanzou que os traballos de creación da nova horta urbana de Ernesto Caballero "prolongaranse durante un prazo aproximado de dous meses" e a concesión dos verxeis "farase por orde da lista da agarda existente".

O socialista asegurou que esta nova horta ecolóxica urbana sumarase ás xa existentes actualmente no Mirador do barrio de Monte Porreiro e na Finca de Conde Bugallal.

O uso das hortas por parte dos concesionarios desenvólvese ao longo de todo o ano, coa realización de diferentes cultivos, tanto de inverno como de primavera e verán.

Talleres e charlas formativas complementan as dinámicas de xestión dos bancais do Mirador de Monte Porreiro, que aproveitan uns 16 usuarios, e a Finca de Conde Bugallal, utilizados por uns 37
concesionarios. Esta mesma dinámica vaise seguir tamén para os novos verxeis de Ernesto Caballero.

Comentarios