Inician o traslado do Rexistro e o Padrón á Casa da Luz

Os traballos de reforma das dependencias de Michelena obrigan a reubicar estes servizos de forma temporal
Traballos de traslado, este luns, nas dependencias municipais da rúa Michelena. CONCELLO
photo_camera Traballos de traslado, este luns, nas dependencias municipais da rúa Michelena. CONCELLO

As obras de remodelación das dependencias municipais situadas na planta baixa de Michelena 30, que teñen por obxectivo garantir a seguridade de funcionarios e cidadáns no marco da crise sanitaria, implican que o Rexistro e o Padrón deberán ser trasladados temporalmente á Casa da Luz.

Na mañá deste luns operarios municipais comezaron os traballos de traslado deste servizo ás dependencias ubicadas na Praza da Verdura.

Traballos de traslado, na mañá deste luns. CONCELLO

OBRA. Segundo anunciou a portavoz do goberno local, Anabel Gulías, os traballos de reforma en Michelena foron adxudicadas á firma Dapercons por un orzamento de 164.560 euros, tras consultar a tres empresas locais.

A intervención, cuxo inicio está previsto para o próximo luns, 18 de maio, ten por obxectivo reformular os espazos municipais e individualizar os postos de traballo para que en todo momento respéctese a distancia de seguridade ampliada ata os dous metros, así como que se poidan mellorar os fluxos de circulación da planta

"TRABALLANDO DESDE O PRIMEIRO DÍA". No primeiro anuncio da obra, a principios de mes, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, puxo en valor o labor realizado polos traballadores municipais para afrontar os cambios motivados pola situación de alarma. "Levamos  traballando desde o primeiro día", dixo.

"Esta actuación enmárcase na protección de saúde e da seguridade tanto dos funcionarios e funcionarias como dacidadanía que fai uso das instalacións municipais", engadiu o rexedor local, que lembrou que durante esta crise revisouse a totalidade de locais municipais e establecido as medidas necesarias para respectar a distancia de seguridade tanto a través da reorganización dos espazos como mediante a colocación de biombos e outros elementos.

O alcalde sinalou ademais que esta reforma "responde a unha das prioridades deste mandato que é a modernización e a axilización da Administración local" e destacou que estas modificacións "veñen para quedar", polo que ademais de reformular os espazos físicos manterase o actual sistema de citas previas e a atención por videoconferencia.

Comentarios