A iniciativa 'Abraza un Caan' dispara as adopcións no centro da Armenteira

A presidenta provincial ofreceu este xoves os exitosos datos da campaña
Carmela Silva e o resto de deputados provinciais. DEPUTACIÓN
photo_camera Carmela Silva e o resto de deputados provinciais. DEPUTACIÓN

A campaña Abraza un Caan que puxo en marcha a Deputación para visibilizar aos cans e cadelas que se atopan no Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) da Armenteira está a ter "un éxito absoluto", como subliñou este xoves a presidenta Carmela Silva.

Nesta primeira fase da iniciativa as deputadas e deputados provinciais están a visitar o centro para fotografarse cos animais que permanecen nas instalacións e dalos a coñecer logo a través das redes sociais. "E desde que a puxemos en marcha –destacou– temos xa sete adopcións dos cans e cadelas que foron abrazados". Ademais, desde o 1 de xaneiro, "tan só en mes e medio", son xa 43 os cans e cadelas adoptados. "Estamos a ter unha gran resposta por parte da cidadanía no que se refire ás adopcións" destacou a presidenta provincial, para engadir que "me gustaría chegar a dicir que temos un número moi pequeno de animais no CAAN. A ver se o logramos".

Silva agregou que, nunha segunda fase, cando rematen as obras que se están a executar na actualidade no CAAN, "van ser os rapaces e rapazas de centros educativos os que vaian e abracen cans". Pero antes diso, indicou que os deputados e deputadas provinciais "teñen que volver e abrazar de novo aos animais a partir da semana que ven, porque é un grande éxito". "Nós queremos que os cans e as cadelas atopen un fogar e que abandonen así o noso Centro de Acollida e Protección de Animais", engadiu.

Carmela Silva enumerou os animais adoptados nas últimas semanas, Oly, Salo, Revel, Vora, Negrín, Hoto e Prota (que atoparon un fogar nas Neves, Salvaterra, Sanxenxo, Barro, A Estrada, Barcelona e Ávila respectivamente) e volveu lanzar un chamamento para a adopción de Apro, que continúa a ser o actual avó do CAAN despois de seis anos nas instalacións. "Non pode seguir alí máis tempo", engadiu. 

Hai que subliñar que os tres últimos cans adoptados da campaña Abraza o CAAN saíron do centro nun mesmo día, o pasado luns 17 de febreiro, e que nestes casos, a adopción foi posible grazas a entidades colaboradoras, Palleiráns no caso de Negrín, SOS Yorkshire no de Hoto e Villa Pepa de Ávila no de Prota

Comentarios